Por X.A. Pérez-Lema | A Coruña | 18/08/2019
Porque o problema é que estamos diante dunha saturación parcial. Velaí as medidas restritivas das visitas ás illas Cíes, á praia ribadense das Catedrais ou ao Pórtico da Gloria. O turismo de peregrinación a Compostela é un modelo de éxito canto á dinamización dos Camiños Francés ou de Fisterra-Muxía. Mais presenta un grave problema de saturación en determinadas áreas do casco histórico compostelán, evidente entre a fin de semana anterior á Semana Santa e mediados de novembro. Tamén en Fisterra. E, fóra da dinámica do turismo de peregrinación, Sanxenxo ten xa problemas de masificación moi importantes.
Constituiría un imposto turístico unha solución a esta saturación parcial? Imposto, si, pois que unha taxa non é posíbel- Éstas só poden gravar o uso dos bens de dominio público ou actividades de Dereito Público como os estudos universitarios ou as fotocopias dun expediente administrativo. Este imposto só podería ser creado polo Parlamento de Galicia, xa que os concellos non poden crear tributos.
O inconveniente é que estaríamos a gravar a pernocta, no canto do uso das infraestruturas ou facilities públicas. Mais é difícil facelo doutro xeito, medir a entrada doutra maneira. Si conviría tamén gravar, agora si con taxas, algúns servizos puntuais como os de uso de WC e duchas nas praias.
A chave é aplicarmos este imposto de xeito que sexa abondo moderado para non botar fóra ao turismo que interese, que penalice máis aos apartamentos turísticos e que se coordine cunha continuada acción inspectora de detección e legalización dos aloxamentos turísticos non declarados.
O corolario, como opina o experto Rubén C. Lois, catedrático da USC e director xeral de Turismo do bipartito (2005-09) é destinar neutralmente a recadación a fins exclusivamente de reposición e mellora das infraestruturas ambientais ou viarias afectadas pola enxurrada turística, de xeito que os concellos poidan investir ou chequear o efectivo investimento dos recursos recadados polas pernoctas en cadanseu concello.