Por E.P. | A CORUÑA | 20/08/2019 | Actualizada ás 19:17
Traballadores de subcontratas de R secundaron este martes unha nova xornada de mobilizacións en defensa do emprego e contra a deslocalización de servizos fóra de Galicia. En concreto, traballadores de Comfica, que prestan servizo de soporte telefónico para R na provincia da Coruña, levaron a cabo unha xornada de folga de 24 horas, que se repetirá o mércores ante a decisión da compañía de trasladar este traballo a partir de setembro a Asturias.
De igual maneira, no caso de persoal de Indra, que realiza servizos de soporte técnico, convocáronse paros de tres horas, entre as 18,30 e as 21,30 horas este martes, día en que os traballadores de subcontratas de R secundan unha protesta no Obelisco. A estas mobilizacións seguirán novos paros entre as 11,00 e as 14,00 horas o mércores, xornada na que, ás 12,00 horas, está convocada unha concentración ante a sede de R no polígono de Agrela.
No caso de Indra, convocáronse, segundo a CIG, "en resposta ao anuncio de R de reducir o número de horas de servizo que viña prestando o persoal e que agora levará ZTE desde Asturias". Aos despedimentos en Comfica, sumaranse, segundo a central sindical, a non renovación dos contratos de persoal eventual en Indra e a recolocación de oito traballadores indefinidos.
Respecto da situación concreta de Comfica, fontes do comité de empresa aseguraron a Europa Press que seguen sen ter noticias "nin de R nin de Comfica", aínda que avanzaron qu volverán pedir reunións, petición que farán extensivas á Xunta e ao Concello da Coruña. En canto á súa petición para o mantemento do emprego en Galicia, lembraron que, a través do BNG, presentaron mocións no Parlamento galego e na Deputación e o Consistorio coruñés. "Esperamos que máis grupos parlamentarios sómense á moción", engadiron.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.