O resgate marítimo é un deber absoluto

Penso que non lles estou a descobrir nada novo se lles digo que cada vez que fala a vicepresidenta do Goberno do Estado en funcións, Carmen Calvo, sobe o pan. Mais a última, manifestando que o buque Open Arms non tiña “dereito a resgatar” sobarda todos os límites da falla de empatía e da ética política, amáis de constituir unha sinalada proba da súa ignorancia a respecto do Dereito Marítimo Internacional.

Por X.A. Pérez-Lema | A Coruña | 25/08/2019

Comparte esta noticia

As normas aplicábeis son claras abondo, como poucas veces  o Dereito. Tanto a Convención internacional para a seguranza da vida humana no mar (SOLAS) como a Convención do Dereito do Mar da ONU obrigan calquera buque de calquera bandeira a resgatar calquera persoa de calquera nacionalidade que se atope en situación de risco para a súa vida. E lle obriga levar estas persoas a un porto seguro.

Refuxiados
Refuxiados | Fonte: Gabriel Tizón

Xa que logo, a obriga de resgatar no mar é un deber absoluto e está por riba de calquera restrición que impoña calquera acto administrativo estatal. Porque os Tratados internacionais, dacordo o artigo 96 da Constitución, constitúen parte do Dereito aplicábel nada máis entran en vigor, por riba das propias normas estatais, xa que só poden ser reformados ou derrogados dacordo cos propios procedementos previstos ad hoc en cadanseu Tratado.  

Nunha situación como a do Mediterráneo central, no que levan morto 572 persoas no que vai deste 2019, a obriga de resgate non só é absoluta, senón continua e habilitante para case calquera caste de situación inimaxinábel. É máis, cumprirían ducias máis de Open Arms mentres a Unión Europea non enfronta as obrigas que lle impón a normativa internacional de Dereitos Humanos.  Considerando, ademáis, que o concepto “porto seguro”  non inclúe calquera outro que non pertenza á Unión Europea porque na Libia subsiste a gravísima situación dos migrantes en tránsito e Tunicia non ten medios para atender a xeito estas persoas.

Vivimos nunha enxurrada de mensaxes políticas xenófobas, representadas nomeadamente polo líder extremista italiano Salvini que, porén, semella que vai fracasar no seu tentamento de anticipar eleccións, diante da intelixente manobra do primeiro ministro  Giuseppe Conte ao lle opór un pacto entre o Movimento5stelle e máis o Partito Democrático.Mais a mala semente de Salvini chegou tamén ao Estado español e non só ás fileiras do tripartito de extrema dereita, senón ao propio PSOE.

Porque as desaqueladas mensaxes da vicepresidenta Calvo e máis do ministro Abalos e o silencio de Pedro Sánchez amosan que o PSOE, que xa lle mercou á dereita o seu modelo territorial e o seu 155, está a lle mercar a súa política  demagóxica e xenófoba contra as persoas migrantes. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xoán Antón Pérez Lema Licenciado en Dereito e graduado en Administración de Empresas. Leva exercendo a avogacía máis de vinte anos e dirixe o seu propio despacho n’A Coruña, con nomeada adicación ao Dereito Administrativo e Mercantil . Foi profesor da Escola de Práctica Xurídica do Colexio de Avogados coruñés e da Facultade de Ciencias Sociais da Universidade de Vigio. Arestora imparte a docencia no primeiro programa de asesoría xurídica de empresa que se desenvolve en Galicia, no Instituto de Finanzas e Formación Empresarial (IFFE).Publicou varios traballos sobre temática xurídica. Foi xefe de gabinete do Conselleiro da Presidencia Pablo González Mariñas, sendo Presidente Fernando González Laxe e secretario xeral de Relacións Institucionais na Vicepresidencia da Xunta ás ordes de Anxo Quintana (2007-2009). Fpoi asesor xurídico do Consello da Xuventude de Galicia (1991-1997) e tivo unha intensa actividade na defensa penal de obxectores e insumisos até que se acadou a supresión do servizo militar obrigatorio. Colaborador da Radio Galega e da TVG e de varios xornais, revistas e emisoras de Radio e TV galegas.