Coincidencia ou non, a semana pasada estiven traducindo varios artigos sobre a delicada situación do elefante africano para unha organización ecoloxista internacional, polo que a desventura do Juan Carlos, cazador paifoco, me causou especial aflición. Aprendín que o animal máis carismático do continente africano se atopa en perigo de extinción por dúas razóns principais: a redución do seu hábitat e a caza, ben sexa ilegal (polos empobrecidos indíxenas para as mafias que operan no mercado negro do marfín) ou legal, cando os cazadores son respectábeis capitalistas, procedentes de Estados imperialistas, que pagan grandes cantidades por esquilmar por diversión as reservas africanas de leóns, búfalos ou elefantes ás que xa non pode acceder a poboación local.
Conta o artigo 56.1 da Constitución española que o rei é o "Xefe do Estado", non o rei da selva, e conságrao tamén como o "símbolo da súa unidade e permanencia". A unidade do Estado español depende logo dunha familia católica onde conviven os divorcios de xulgado cos divorcios de alcoba; unha filla residente nos EEUU cun vergallán; a raíña en Grecia, o rei en Bostuana e o neto nun hospital madrileño.
Coa monarquía pásanos un pouco como coa relixión católica; somos incapaces de acurtar a súa existencia anacrónica, causante de asimetrías sociais manifestamente inxustas, aínda contando coa certeza de que a súa extinción final é inevitábel. A súa degradación actual non se debe ás condutas impropias dos membros da familia real, senón ao levantamento do veto dos medios de comunicación para informar sobre as mesmas. Neste sentido, o tratamento mediático que se lle deu a este safari seguiu unha liña moi parecida ao outorgado aos últimos "incidentes" da Casa Real, un tratamento que en moi pouco tempo ten pasado da louvanza máis gratuíta a un ton crítico, aínda que livián e respectuoso coa institución. Semella cada vez máis evidente que a corrente mediática corporativa está evoluíndo cara a república e que aínda estamos iniciando a transición.
O fin da monarquía, non obstante, non chegará cunha futura república española. Impulsada polos poderes capitalistas españois e os seus papeliqueiros mediáticos (os mesmos que até hai dous días sacralizaban o sangue azul borbón), a república poderá eliminar o gasto superfluo de manter unha familia de aristócratas de dubidosa ética mais a Coroa de Castela, coa súa insuperábel representativade no Estado das 17 autonomías, continuará levando o timón do noso destino. A república, pois, limitarase a unha reforma constitucional "simbólica": bandeira tricolor que engada o violeta ás cores do sol e da calor, eliminación do título II (Da Coroa) e, no seu lugar, para garantir a cohesión autonómica e a representación do Estado nas relación internacionais, confiar nas vitorias deportivas da selección española de fútbol (sen ningún xogador galego), a ser posíbel, humillando aos rivais, por moi modestos que estes sexan.
A nacionalización de YPF está tamén despertando moitas sensibilidades. É unha pena comprobar que aqueles galegos que aceptan sen espirrar o despezamento das nosas industrias autóctonas son os mesmos que recorren agora ao patriotismo, quen sabe se engaratuxados pola simboloxía "roja y gualda", para defender a un grupo de executivos millonarios españois dunha sociedade anónima que explota recursos en Sudamérica. Un quere pensar que, con todo, somos maioría os que vivimos conscientes de cal é o noso verdadeiro hábitat; os que nos solidarizamos máis coa clase traballadora que coas aristocracias de sangue ou capital; os que nos identificamos coas cores das nubes, dos ríos e do mar (branco e azul); os que en definitiva compartimos a idea de que, como no caso dos elefantes, mellor nos iría se respectásemos a nosa natureza.