Por X.A. Pérez-Lema | A Coruña | 01/09/2019
Nos réximes demoliberais o cárcere restrinxe a liberdade persoal. Mais non pode limitar os dereitos dos internos á vida, á integridade física e moral, ao acceso á cultura e á educación, a unha alimentación sá e á comunicación periódica e íntima coas persoas queridas (o que ven esixir na práctica que os internos residan preto da súa contorna persoal). O cárcere non pode limitar a dignidade persoal nin os dereitos humanos das persoas presas distintos do da liberdade persoal.
Nos oito meses que van de 2019 morreron nos cinco cárceres galegos nove persoas presas: tres en Teixeiro, tres no Pereiro de Aguiar (malia a súa cativa poboación interna) e cadanseus n’A Lama, Monterroso e Bonxe. O observatorio de dereitos humanos galego ESCULCA e colectivos da función pública penitencial teñen denunciado estes gravísimos feitos. A Administración do Estado, responsábel da vida, saúde e custodia das persoas presas, está afracasar substancialmente nesta tarefa esencial ao Estado de Dereito. Mentres, o director do cárcere de Teixeiro e máis a directora do cárcere d’A Lama rexeitan entrevistarse cos representantes de ESCULCA, a principal ONG galega na promoción dos dereitos humanos nas prisións. Seica por se decatar dos graves incumprimentos da sanidade, tratamento e custodia penitenciarias.
Mentres, no ámbito dos media, as principais TV privadas estatais (A3 e Tele5) ofertan unha grella de programas que prioriza novas sobre crimes e propostas sobre un meirande grao de punición. Como si Galicia e, en xeral, o Estado non estiveran nos derradeiros postos de criminalidade na Europa. Ou como si o Estado español non tivese a porcentaxe de poboación presa máis alto da Europa en relación coa súa taxa de criminalidade.
Esta onda reaccionaria a prol dunha máis grave punición dos delictos e mesmo a prol da extensión da medida cautelar do cárcere preventivo (absolutamente excepcional nos réximes demoliberais) mesmo chegou a determinados colectivos autoconsiderados progresistas e mesmo feministas ou ecoloxistas: castración química para violadores, cárcere preventivo automático para calquera sospeitoso de delictos sexuais, prisión permanente revisábel para os que queimen o monte…
Non nos estamos a decatar que todas estas propostas punitivas da dereita extremista tentan encerrar á xente guindando despois a chave. Manda truco que haxa feministas, ecoloxistas e progresistas que sexan quén de llelas mercaren, como lle merca o PSOE o modelo territorial uninacional a esa mesma dereita.