Por Europa Press / Redacción | PONTEVEDRA | 03/09/2019 | Actualizada ás 16:31
O presidente da Xunta e líder do Partido Popular de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, defendeu este martes a inocencia das expresidentas madrileñas Esperanza Aguirre e Cristina Cifuentes, investigadas pola Audiencia Nacional polo presunto financiamento ilegal do PP da Comunidade de Madrid: "Non creo eu que estas persoas se levasen un euro á súa casa, estou convencido de que non é así", dixo.
Núñez Feijóo asegurou sentirse tranquilo en relación a esta cuestión. "Eu, como as coñezo e valoro, estou tranquilo en canto ás súas declaracións", indicou.
Polo momento, lembrou, "falou o xuíz e agora, loxicamente, estas persoas terán que aclarar e aclararnos cal é o seu posicionamento", aínda que instou a "escoitalas" antes de facer a análise.
Para Núñez Feijóo, unha noticia así "sempre ten un pronunciamento positivo e negativo". En primeiro lugar, esta investigación demostra que "a Administración de Xustiza en España funciona, afecte a quen afecte". "O negativo é que estas persoas que coñezo e valoro teñan que declarar en condición de investigadas", engadiu.
O presidente da Xunta lembrou que "en España a presunción de inocencia tamén funciona" e incidiu en que o caso está "nesta fase da comparecencia e das explicacións". "Imos esperar a coñecer o seu testemuño e a coñecer o seu relato, porque isto é moi importante", resolveu.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.