Villares acusa a Feijóo de "non dicir a verdade" por enxalzar o dispositivo contra incendios de Galicia

O portavoz de En Marea replicou que Galicia "o único que ten é unha chea de máquinas que non van acabar cos incendios forestais", porque "o básico na loita contra o lume é o aspecto preventivo".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/09/2019 | Actualizada ás 14:34

Comparte esta noticia

O portavoz de En Marea, Luís Villares, acusou este sábado ao presidente da Xunta de Galicia, Alberto Nuñez Feijóo, de "non dicir a verdade" cando o pasado xoves enxalzou o dispositivo contra incendios forestais de Galicia.

Villares referiuse, durante a rolda de prensa de presentación do programa de Escola Unitaria de Verán que organiza a súa formación, ás declaracións nas que Feijóo afirmou que "Galicia ten o mellor dispositivo de loita contra os incendios forestais".

Ao fío do sinalado polo presidente da Xunta, o tamén portavoz do Grupo Mixto no Parlamento autonómico asegurou que "non di a verdade" e que "apenas 48 horas despois das súas declaracións queimáronse máis de 900 hectáreas de monte", con relación aos incendios forestais acaecidos esta semana en Galicia.

Á vez que tachou de "falso" o discurso de Feijóo, Villares manifestou que "o mellor dispositivo contra o lume é ter un rural vivo", o que implica "unha superficie agraria cultivada, un bosque multifuncional que non sexa un monocultivo de eucaliptos, manter a limpeza nos montes" e promover "servizos públicos no rural".

Do mesmo xeito, replicou que Galicia "o único que ten é unha chea de máquinas que non van acabar cos incendios forestais", porque "o básico na loita contra o lume é o aspecto preventivo".

ESCOLA UNITARIA

A intervención de Luís Villares tivo lugar durante a primeira sesión do programa II Escola Unitaria de Verán En Marea, celebrada na sede do partido e enfocada no cambio climático.

Na presentación tamén estiveron presentes os viceportavoces da organización política, Ana Seijas e Adrián Deus, que durante as súas intervencións destacaron a existencia dunha "emerxencia climática" sobre a que é "necesario" actuar.

Sobre esta temática aseguraron que "non hai vontade política" nin é unha cuestión que "estea entre as primeiras preocupacións dos partidos" e por ese motivo traballarán na creación de "un gran acordo social galego contra o cambio climático".

O Portavoz de En Marea na primeira xornada de Escola Unitaria de Verán
O Portavoz de En Marea na primeira xornada de Escola Unitaria de Verán | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta