Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/11/2024 | Actualizada ás 12:23
Os eurodeputados do PPdeG, Francisco Millán Mon e Adrián Vázquez, celebraron o novo pronunciamento da Comisión Europea sobre a fábrica que a multinacional lusa Altri pretende instalar no municipio lucense de Palas de Rei no que sinala que "nesta fase non recibiu probas que apunten a un incumprimento da lexislación da UE" e manifestaron que isto deixa "en evidencia ao BNG e á esquerda".
Nunha nota de prensa, os populares galegos lembraron que o proxecto "aínda está a ser obxecto dunha avaliación" e reiteraron a súa confianza "no traballo realizado pola Xunta". Tal e como expuxo o PPdeG, nesta ocasión a eurodeputada do BNG, Ana Miranda, preguntaba "se se examinasen os documentos presentados polos colectivos afectados en abril deste ano" e a Comisión "confirma que revisou a información dispoñible e que non recibiu probas que apunten a un incumprimento da lexislación da UE".
Nesta liña, Millán Mon destacou que este novo pronunciamento pon en evidencia "a insistencia irrazonable do BNG e da esquerda": "Seis veces preguntaron e seis veces respondéronlles que non hai incumprimento. A Comisión non pode ser máis clara".
Pola súa banda, Adrián Vázquez insistiu en que en Europa "teñen claro que a obsesión do BNG con Altri non ten nada que ver coa ecoloxía", senón que "se trata dunha maneira pouco sofisticada de tentar desgastar a un Goberno que funciona". "A administración autonómica conta con magníficos profesionais. Deixemos que faga o seu traballo e deixemos de presentar peticións á Comisión que só danan a imaxe de Galicia en Europa", concluíu.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.