O primeiro plan de xestión de usos da Serra da Enciña da Lastra, no municipio ourensán de Rubiá, entrará en vigor a comezos deste outono, concretamente o día 8 de outubro.
O Diario Oficial de Galicia publica este luns o Decreto polo que se aproba o primeiro plan reitor de uso e xestión do parque natural máis novo dos seis que existen na Comunidade e que terá unha vixencia de seis anos.
Tal e como lembrou a Xunta, un plan reitor é un instrumento específico para xestionar, protexer e conservar os valores dun espazo natural, "garantindo o uso e a xestión idónea dos seus recursos".
Entre as novidades deste destaca que contará cun plan de emerxencia e de autoprotección que mellorará a capacidade de resposta ante posibles emerxencias que puidesen presentarse; así como un plan de actuación con diferentes liñas de traballo para avanzar en materia de conservación da biodiversidade, paisaxe, investigación e uso público.
Ao mesmo tempo, "é a folla de ruta coa que protexer e preservar todos os valores que fan único a este parque natural", que nas súas máis de 3.000 hectáreas de superficie alberga as enciñas máis extensas e mellor conservadas de Galicia, onde destaca a Aciñeira de Cobas, que, con máis de 500 anos de vida, está declarada árbore singular pola Xunta de Galicia. Do mesmo xeito, hai nesta contorna salgueiros mediterráneos.
A conselleira de Medio Ambiente, Anxos Vázquez, que recentemente visitou a zona, destacou que a importancia deste parque tamén reside na súa paisaxe e na influencia do río Sil, que tamén divide un sistema montañoso con impresionantes gargantas que se poden descubrir pola ruta existente entre Vilardesilva e Cobas.