A taxa de envellecemento poboacional de Galicia é xa equivalente á que se estima que terá a UE no 2050; e agora que?

O presidente da Sociedade Galega de Xerontoloxía e Xeriatría, José María Failde, sinala que esta noticia non debe interpretarse só en negativo, pois "Galicia podería converterse nun motor tractor de recursos para a investigación e para testar os servizos que precisan os maiores que podería ser de utilidade non só para a comunidade e os seus cidadáns, senón tamén para o conxunto da UE de cara ao futuro".

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 09/03/2025 | Actualizada ás 21:50

Comparte esta noticia

Galicia enfróntase a un reto demográfico sen precedentes. Cunha das taxas de envellecemento máis altas de Europa, a comunidade autónoma ve como a súa poboación activa diminúe, mentres o número de maiores aumenta. En moitas aldeas e vilas, os nenos convertéronse nunha rareza, as escolas pechan por falta de alumnado e os fogares quedan baleiros co falecemento dos seus últimos habitantes. Factores como o despoboamento rural, a baixa natalidade e o aumento da esperanza de vida foron configurando un escenario complexo que non só afecta á economía e ao mercado laboral, senón tamén aos servizos sociais, a sanidade e a estrutura da sociedade en si mesma. Que implica este cambio para o futuro de Galicia? Como se está adaptando o sistema sanitario e de coidados? Que estratexias poden frear o declive demográfico e garantir unha vida digna para as persoas maiores? Galicia Confidencial fala co presidente da Sociedade Galega de Xerontoloxía e Xeriatría (SGXX), José María Failde, para coñecer a realidade ante a que nos atopamos e o que cómpre agardar de cara aos vindeiros anos, así como cales serían as medidas a adoptar para mudar ou mellorar a situación actual.

Un ancián no rural galego
Un ancián no rural galego | Fonte: Carlos Castro - Arquivo

Failde explica que "actualmente Galicia é unha das comunidades autónomas máis envellecidas de España, xunto con Castela e León e Asturias", pois "algo máis dun 26 % da poboación conta con máis de 65 anos e en dúas das catro provincias galegas esta cifra é superada amplamente: Lugo cun 30 % e Ourense cun 34 % da poboación con máis de 65 anos". En palabras do presidente da SGXX, "estes datos sitúan a Galicia como unha das rexións da Unión Europea máis envellecida e tamén como unha das máis envellecidas a nivel mundial". Ademais, esta situación non deriva unicamente duns anos de malos rexistros que nalgún momento se darán a volta, senón que, de cara ao futuro, a cousa non pinta mellor. "As proxeccións apuntan a que a poboación maior de 65 anos seguirá incrementándose nos próximos anos", apunta Failde. Con todo, isto non acontecerá unicamente en Galicia, senón que é un fenómeno que se experimentará a nivel mundial, porque o planeta en xeral está envellecendo. Que acontece? Que en Galicia, "as taxas de envellecemento que temos xa agora son as que aproximadamente terá a Unión Europea no 2050", sinala.

"GALICIA É O SEGUNDO LUGAR CON MÁIS ESPERANZA DE VIDA A NIVEL MUNDIAL E HAI PROXECCIÓNS QUE NOS SITÚAN COMO O PRIMEIRO DE CARA A 2050"

Sen embargo, aínda que este dato poida semellar alarmante e causar desasosego entre expertos investigadores e poboación, para o presidente da SGXX tamén pode ser visto como unha oportunidade, se o sabemos empregar ao noso favor. E é que "Galicia podería converterse nun motor tractor de recursos para a investigación e para testar os servizos que precisan os maiores que podería ser de utilidade non só para a comunidade galega e os seus cidadáns, senón tamén para o conxunto da Unión Europea de cara ao futuro". De feito, para Failde o envellecemento ten sempre dúas caras, unha delas positiva, aínda que sempre se tenda a amosar a negativa. "Por unha banda, efectivamente, podemos ver o envellecemento da poboación como un problema no que hai unha transición epidemiolóxica provocada pola baixa natalidade e o envellecemento da poboación; pero, por outra banda, tamén está a mirada máis positiva e máis agradable, que ten que ver coa esperanza de vida", explica.

Así, apunta a que "a esperanza de vida foi unha das máis grandes conquistas dos últimos 100 anos, pois pasamos de ter unha esperanza de vida media a nivel mundial de 34 anos a comezos do século XX a ter hoxe unha esperanza de vida situada arredor dos 83 anos en lugares como Galicia, con case 88 anos para as mulleres e algo máis de 81 para os homes". Estes datos sitúan a esperanza de vida galega entre as máis altas de España e do mundo. Tanto é así que Failde sinala que "neste momento estamos no segundo lugar, despois de Xapón, en esperanza de vida da poboación", dato que, de cara ao futuro, segundo apuntan algunhas proxeccións, incluso podería ser mellor, pois "hai quen nos sitúa no 2040 como o primeiro país con máis esperanza de vida a nivel mundial". Agora ben, non só se trata de alongar a vida da cidadanía, senón tamén de poder alongar esa vida con calidade, algo que, segundo o presidente da SGXX tamén se está logrando. "Hoxe xa falamos de esperanza de vida saudable, que é o realmente importante", afirma, indicando que, "actualmente, cando unha persoa chega aos 65 anos, ten un promedio de aproximadamente 22 anos de esperanza de vida, dos cales, unha gran parte, tamén son de esperanza de vida saudable".

Vellos sentados nunha parada de autobús
Vellos sentados nunha parada de autobús | Fonte: Arquivo

"HOXE SÓ EXISTEN DOUS HOSPITAIS EN GALICIA CON SERVIZOS DE XERIATRÍA, O HULA E O MEIXOEIRO, CANDO DEBERÍA HABER UN POR ÁREA SANITARIA"

Pero poboación máis envellecida, innegablemente, significa maior carga para os servizos de saúde. Polo tanto, está o noso sistema sanitario deseñado e preparado para poder atender a unha poboación de avanzada idade que cada vez vai a máis ou terá que adaptarse? Failde confesa que "os sistemas de saúde, loxicamente, vense estresados ante o incremento das taxas de envellecemento". Para solucionar esta situación, considera que "é preciso investir en recursos, o cal, máis aló de reforzar os xa existentes, pasa tamén por crear novos recursos de atención xeriátrica". Dende o seu punto de vista, "isto é algo moi necesario e unha tarefa pendiente, porque a día de hoxe só existen dous hospitais en Galicia con servizos de xeriatría (o HULA, en Lugo, e o Meixoeiro, en Vigo), cando, ao meu xeito de ver, debería haber alo menos un servizo de xeriatría en cada unha das sete áreas sanitarias". Ademais, lembra que "a atención xeriátrica permite reducir os tempos de hospitalización cando é precisa e mellorar os procesos de atención", de tal maneira que "investir en unidades de xeriatría significa tamén investir en facer un uso máis eficiente dos recursos sanitarios". Así mesmo, sinala que "é preciso apostar por recursos que faciliten que as persoas poidan envellecer nas súas contornas".

Failde está convencido de que, "se preguntamos aos maiores, que creo que é o que deberiamos facer, a inmensa maioría queren envellecer no seu fogar, na contorna na que eles viviron toda a vida, na medida do posible". Con todo, evidencia que "iso non quita que teña que haber recursos xerontolóxicos como as residencias, os centros de día e outros centros especializados, mesmo centros de coidados intermedios, porque cada vez serán aínda máis necesarios". "Afortundamente, hai persoas que non os van precisar nunca, pero hai outras que, pola súa realidade social, pola súa dependencia e por moi diferentes circunstancias, si os van precisar, polo que son necesarios", explica, apuntando que "iso supón que se deberían ir incrementando as prazas coas que xa contamos na actualidade, sobre todo as prazas públicas neste tipo de centros", reivindica o presidente da SGXX.

ENVELLECEMENTO ACTIVO OU SAUDABLE? "O IMPORTANTE NON É QUE SEXAMOS VELLOS MOITO TEMPO, SENÓN QUE SEXAMOS NOVOS O MAIOR TEMPO POSIBLE"

Vinculado co aumento da esperanza de vida atopamos tamén o aumento da calidade de vida, e xa non só no tocante á cantidade de recursos e facilidades que temos á nosa disposición na sociedade actual, senón tamén na toma de conciencia da propia poboación sobre o necesario de manter a actividade física e a dieta saudable, entre outras cuestións. Ao respecto, Failde asegura que "no 2002 a Segunda Asemblea Mundial sobre o Envellecemento acuñou o termo de envellecemento activo como un paradigma, como un modelo, pero no 2015 a Organización Mundial da Saúde (OMS) volveu propoñer o termo de envellecemento saudable". Este último, ao igual que o envellecemento activo, "porque ambos son enfoques moi complementarios e próximos, pretende que comecemos a coidarnos xa dende o primeiro intre en que nacemos, porque o importante non é que cheguemos a ser vellos moito tempo, senón que sexamos novos o maior tempo posible, e novos entendendo isto como que a nosa idade cronolóxica sexa superior á nosa idade funcional". Para lograr que esa idade funcional sexa máis nova que a cronolóxica, apunta á necesidade de "estimulación física, contacto social, boa alimentación e moitos outros elementos que teñen que ver coa promoción da saúde".

"AS CONTORNAS RURAIS PRESCRIBEN COMPORTAMENTOS SAUDABLES PARA MOZOS E MAIORES EN MAIOR MEDIDA QUE AS CIDADES"

Por outra banda, o envellecemento poboacional en Galicia tamén leva aparellado outra realidade que moitas veces se pasa por alto: mentres nas zonas rurais o éxodo dos mozos agrava o abandono, a presenza de maiores eríxese coma un bastión indispensable para manter o texido social. Sen eles, a despoboación rural intensificaríase aínda máis, pois son eles quen custodian a memoria, as tradicións e a identidade destas comunidades. Neste senso, o presidente da SGXX engade que "as contornas rurais son lugares que prescriben comportamentos saudables para mozos e maiores en maior medida que as cidades, xerando menos estrés, promovendo unha maior actividade física, unha maior conexión social, unha maior cooperación interpersoal...". Así, "mentres que no edificio dunha cidade é probable que non se coñezan todos os veciños a pesar de vivir a menos de 15 metros os uns dos outros, nunha aldea é moi habitual que se coñezan practicamente todos e que interactúen asiduamente os uns cos outros", de maneira que "a distribución dos espazos e a propia contorna en si mesma constitúen un esceario máis amigable". Por iso, para Failde, "hai que apostar porque as contornas rurais sigan sendo espazos de convivencia e de habitabilidade que permitan que os mozos teñan oportunidades sen ter que marchar, porque a experiencia dinos que a esperanza de vida pode facilitarse e promoverse mellor nunha contorna rural".

Anciáns, envellecemento, saúde, sanidade, idade, paseo, maiores
Anciáns, envellecemento, saúde, sanidade, idade, paseo, maiores | Fonte: XUNTA - Arquivo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta