O Sergas defende o médico investigado por presunto homicidio imprudente no caso dos medicamentos da Hepatite C

O xerente cualifica de "excelente" a traxectoria e capacidade do doutor para xustificar que asuma a xerencia da EOXI de Ourense.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/09/2019 | Actualizada ás 18:24

Comparte esta noticia

O xerente do Sergas, Antonio Fernández-Campa, defendeu a "excelente" traxectoria e capacidade do doutor Félix Rubial para xustificar que asuma a xerencia da EOXI de Ourense e realizou un chamamento á presunción de inocencia sobre a causa na que investigado, por presunto homicidio imprudente no caso dos medicamentos da Hepatite C.

Félix Rubial, falando cos sindicatos
Félix Rubial, falando cos sindicatos | Fonte: © Miguel Núñez

Así o sinalou en comisión parlamentaria preguntado pola deputada Eva Solla, do Grupo Común da Esquerda, na que Fernández-Campa reivindicou os "máis de 19 anos de dedicación" na súa traxectoria profesional, especialmente na posta en marcha de hospitais como o de Santiago ou o Lucus Augusti.

Así mesmo, lembrou que a reordenación integral da área sanitaria de Vigo foi "o proceso máis complexo que se fixo en todo o Sistema Nacional de Saúde nos últimos anos". "Non debe existir ningunha dúbida sobre a cualificación do doutor Rubial", insistiu, á vez que lembrou que o proceso xudicial no que está inmerso aínda está "en fase de instrución", á espera de se se efectúa a apertura de xuízo oral ou se procede ao peche das actuacións.

Solla considerou que contar cunha persoa nesta situación "debería ser suficiente para darlle unha resposta de calado", ao tratarse dun caso "sensible" e "de gravidade extrema". Ademais, lembrou o "rosario de problemas de índole laboral" e "falta de diálogo" que leva ás súas costas, nos que deixou patente a súa "incapacidade de resolución" de conflitos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta