Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 13/09/2019 | Actualizada ás 15:17
Un manifesto a través de redes sociais promove a recollida de firmas contra a suspensión na Universidade da Coruña (UDC) das 'Xornadas sobre Traballo Sexual', que estaba previsto celebrar na Facultade de Socioloxía e que foron canceladas ao non garantirse "a seguridade", segundo informou o reitorado coruñés.
Con máis de 800 firmas recollidas ata o momento, o manifesto lembra que os estatutos da UDC estabelecen que a institución "debe axustarse aos principios do Estado social e democrático de Dereito, así como á defensa da autonomía e da liberdade de cátedra".
"Consideramos que o coñecemento social de calidade científica só se pode alcanzar a través dun intercambio académico honesto, aínda que crítico e rigoroso, de ideas e opinións, que reflictan as diferentes sensibilidades, aspiracións e intereses dos diferentes grupos que compoñen a sociedade", sinalan o manifesto, que logrou, ata o momento, o apoio de case 900 persoas, entre eles profesores e profesoras da UDC.
Nel, insisten en que a universidade pública "debe seguir sendo un lugar de pluralismo, de encontro e debate públicos, cuxa axenda non veña fixada, censurada ou planificada por grupos de presión descoñecedores da súa función primordial: a creación, desenvolvemento, transmisión e crítica do saber".
REXEITAMENTO DE "VETOS"
Rexeitan, ademais, que "ningún grupo de presión pode arrogarse o dereito de impor á universidade pública o veto a determinadas persoas, colectivos ou ideas".
"Nun momento histórico en que cada vez semella máis xeneralizada a expresión sen complexos de pulsións autoritarias incompatibles coa liberdade de expresión, é máis preciso que nunca reafirmar o compromiso da universidade cos dereitos e liberdades públicas".
En base a estes e outros argumentos, mostran o seu apoio á realización destas xornadas e ao profesorado e persoal investigador implicado, á vez que apoian a celebración das mesmas "e doutras que, sobre a mesma materia, se poidan chegar a celebrar con puntos de vista diferentes".
"A decisión de rexeitar a realización de tales xornadas supón que as persoas implicadas nelas queden impedidas no exercicio dos seus dereitos e liberdades, mais tamén que o día de mañá, en aplicación dos argumentos dados polas autoridades académicas da UDC, podamos ser nós mesmas as persoas impedidas", engaden.
Por outra banda, mostran o seu rexeitamento "á agresiva persecución mediática e ás gravísimas descualificacións e ameazas que están a padecer as organizadoras do evento". Por todas estas razóns, solicitan ás autoridades académicas da UDC que "reconsideren a súa decisión e permitan a celebración das xornadas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.