25N.- A violencia machista non é un número, ten nome: Andrea, Mercedes, Fadoua e Estela

No que vai de 2024 foron estas catro mulleres as que morreron violentamente a mans das súas parellas ou exparellas. A sociedade avanza pero esta lacra continúa acontecendo cada certos meses.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 24/11/2024 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

En Galicia morreron 4 mulleres no que vai de 2024 a mans das súas parellas ou exparellas. Catro mulleres que se veñen sumar a un total de 40 asasinadas a nivel nacional. Estas cifras amosan unha tendencia á alza da violencia de xénero nos últimos tempos e que algo continúa a facerse mal para que cada certos meses haxa que lamentar unha nova vítima. Sen embargo, dito así, todo o sufrimento semella quedar reducido a esa abstracción que nos provocan as cifras. Pero, en realidade, non podemos esquecernos de que detrás de cada un deses números hai vidas de mulleres que tiñan moito polo que vivir, polo que loitar, polo que ser felices. Dende o Galicia Confidencial, e con motivo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres (25N), lembramos as tráxicas historias de Andrea, de 24 anos (19 de marzo, en Ribeira); Mercedes, de 74 anos (1 de agosto, na Coruña); Fadoua, de 41 anos (5 de outubro, en Moaña); e Estela, de 36 anos (8 de novembro, en Baiona), as mulleres que se agochan detrás dese '4 asasinadas por violencia de xénero en Galicia no que vai de 2024'. Os seus casos demostran que non hai un perfil de maltratador, que dá igual a nacionalidade, a condición, a idade e a localidade, nunca se sabe se esa persoa da que nalgún momento te namoraches pode ser a que remate coa túa vida. Para todas aquelas mulleres que atopen nas historias previas á morte destas mulleres un reflexo da súa situación actual, o teléfono 016 esta aberto para axudalas.

Manifestación no marco da campaña do 25N
Manifestación no marco da campaña do 25N | Fonte: CIG - Arquivo

ANDREA YTURRY, UNHA MOZA DE RIBEIRA CON 24 ANOS E UN FILLO DE 2 Á QUE LLE QUEDABA TODA UNHA VIDA POR DIANTE

Andrea Melithza Yturry Alave vivía en Ribeira, tiña tan só 24 anos e un fillo de 2 cando a súa exparella, Jhul Príncipe Casahuaman, tamén de 25 anos, puxo fin a toda unha vida próspera que lle quedaba por diante. Andrea, de orixe peruana, levaba xa unha década vivindo na localidade coruñesa. Cursara estudos secundarios no instituto de Palmeira, o mesmo centro no que estudara tamén o autor do crime. Ata o momento da súa morte traballaba na conserveira Jealsa, concretamente, nas instalacións que esta empresa posúe en Boiro, un municipio a 20 quilómetros de Ribeira. Todas as alarmas saltaron sobre as cinco e media da tarde do 19 de marzo, no número 9 da rúa Doctor Torres de Palmeira, despois de que este rapaz avisase a unha familiar do que fixera. Rapidamente alertouse ao servizo de emerxencias do 112 e activouse un amplo operativo policial e sanitario. Cando os equipos de urxencias lograron acceder á vivenda, xa nada se podía facer por salvar a Andrea, que se atopaba tendida na cociña da vivenda, na planta baixa.

Ao seu lado, Jhul permanecía desmaiado e malferido de gravidade en pescozo, bonecas e outras partes do corpo, tras tratar de quitarse a vida despois do asasinato de Andrea. O mozo emprezara unha arma branca para acuchillala ata a morte tras, segundo manifestou ás autoridades, ter unha acalorada discusión con ela. Aínda que non pesaban sobre el denuncias previas por malos tratos, os veciños si sinalaron que en anteriores ocasións a parella xa protagonizara algúns encontróns e pelexas. Ademais, antes de que se producise o tráxico suceso, algúns veciños tamén volveron escoitar unha forte discusión. Facía tan só uns meses que Andrea rompera a relación con Jhul, pero ninguén agardaba que este puidese cometer un crime tan atroz: "É algo totalmente inesperado, en verdade nunca agardas que poida ocorrer algo así", comentaba unha persoa do entorno da moza sen rematar de asimilar o acontecido. Lonxe de negalo, no interrogatorio ante a Policía recoñeceu os feitos, e asegurou que perdeu a cabeza despois dunha acaladora discusión relacionada coa custodia do fillo de 2 anos que tiñan en común, pois el reclamaba máis tempo para estar co menor.

Tamén asegurou que tras matar á nai do seu fillo a súa intención é suicidarse cando atope a oportunidade, mesmo dentro do cárcere. Este rapaz tamén negou os episodios de violencia previos tanto con Andrea como os que logo se lle atribuíron para coa súa parella anterior, asegurando que só tivo unha pelexa co noivo da rapaza coa que saíra anteriormente. Tamén asegurou que fora el o que rompera a relación con Andrea. Con todo, estas declaracións contrastaban co manifestado polas compañeiras de traballo da moza, que indicaron que Andrea estaba "máis apagada" nos días previos á súa morte, e que lles confesara que a súa exparella a maltrataba e a ameazaba, así como que por estes motivos fora ela a que cortara a relación con el. Segundo consta nos seus antecedentes por violencia de xénero, xa no 2019 a súa anterior compañeira sentimental o denunciara por malos tratos, aínda que no momento do crime de Andrea non tiña aberta ningunha causa por delitos relacionados con violencia machista. Ademais, o caso de Andrea tampouco constaba no Sistema de Seguemento Integral nos casos de Violencia de Xénero (Sistema VioGén).

Unha das concentracións do 25N  en Galicia, neste caso, en Pontevedra
Unha das concentracións do 25N en Galicia, neste caso, en Pontevedra | Fonte: Arquivo

MERCEDES RÍOS, UNHA ANCIÁ DE 74 ANOS Á QUE O SEU MARIDO LLE ARREBATOU A POSIBILIDADE DE MORRER EN PAZ

Mercedes Ríos tiña 74 anos cando foi asasinada a mans do seu marido, de 76. A sociedade galega paralizouse o pasado 1 de agosto, cando saltou a noticia de que un home de 76 anos fora detido no barrio coruñés de Labañou por ter asasinado á súa muller, de 74. Tratábase dun caso moi mediático dada a idade dos implicados. Sobre este septuaxenario, de nacionalidade española, non pesaban denuncias previas por violencia de xénero. Foi o mesmo asasino o que, despois de ter asasinado á muller, chamou á policía para dicir que xa a atopara morta ao levantarse da cama. Foi a autopsia a que apuntou a que a muller morrera por asfixia. Segundo a declaración do suposto homicida, pola noite escoitou un ruído na habitación contigua, xa que dormían en dormitorios separados, viu que a súa muller se caera, tapouna no chan, para non molestala, e volveu durmir, ata que á mañá seguinte comprobou que estaba morta.

Os forenses revelaron unha versión ben diferente do crime, que xa podía sospeitarse vendo as marcas no pescozo que tiña o cadáver da vítima: estrangulouna a noite anterior, foi durmir e, ao día seguinte, chamou á policía para dicir que xa a atopara morta xunto á cama. Ninguén no número 18 da avenida de Gran Canaria, edificio onde convivía a parella de septuaxenarios, atopaba unha explicación para o acontecido. Ninguén viu nin escoitou nada que lles fixese sospeitar de que nesa casa había problemas. Ela era unha muller moi querida e "unha boa veciña", segundo din no seu barrio. E, ata o mesmo día do crime, del tampouco se escoitara nunca unha mala palabra. "Era un matrimonio que non se metía con ninguén", sinalaban os veciños. Levaban 45 anos casados y tiñan 4 fillos xa adultos.

FADOUA AKKAR, UNHA NAI DE ORIXE MARROQUÍ QUE LOITABA POR SACAR AO SEU FILLO ADIANTE TRABALLANDO COMO LIMPADORA

Fadoua Akkar tiña 41 anos e un fillo de entre 12 e 13 anos. Vivía na localidade pontevedresa de Salcedo dende facía cousa dun ano cando a súa exparella a asesinou. A muller, de nacionalidade marroquí, ía con el no coche como copiloto cando, sobre as 17.00 horas da tarde do 5 de outubro, segundo corroboraron os testigos do suceso, o condutor, a súa exparella, A.C.T., de 47 anos e veciño de Moaña, foi ata o espigón do porto de Domaio co seu Volkswagen Passat, "fixo un brusco xiro, cambiou de dirección e meteuse por unha zona peonil". Tras iso, "acelerou antes de precipitarse co coche cara o mar" dende o paseo, á altura do Clube de Xubilados. Xa ante o xuíz, o home defendeu a súa inocencia e sostivo que se tratou dun accidente. Sen embargo, pesaban sobre el antecedentes por violencia machista, polos que xa fora previamente arrestado e metido en prisión.

En concreto, figuraba na base de datos do sistema VioGén "por uns feitos violentos" acontecidos no ano 2012 e que lle fixeron entrar en prisión ao ser condenado pola Audiencia Provincial de Pontevedra. Por eses mesmos feitos, pesaba sobre el unha orde de alonxamento de Fadoua, vixente ata o 2020. Foi a autopsia a que revelou que, cando o coche caeu á auga, Fadoua aínda estaba viva, aínda que non se puido saber se consciente. E é que tamén presentaba un golpe na cara, preto da boca, que tanto puido ter sido froito do impacto, ao chocar o coche contra as pedras do espigón, como dun golpe previo. Ningún dos testigos que dixo ver as manobras erróneas do coche advertiu que a muller pedira auxilio, o que leva a pensar que verdadeiramente podería ter estado inconsciente xa antes da caída ao mar. A muller foi finalmente atopada flotando na auga tras os intensos labores de busca. Fadoua residira uns meses en Vilaboa antes de mudarse a Salcedo, tras ter atopado traballo en Pontevedra.

Aínda se atopaba en situación irregular no país, polo que apenas hai constancia do seu paso por estas vilas, xa que se limitaba a traballar a media xornada como limpadora e regresar para a casa. A A.C.T. atopárono subido ao teito do vehículo. Foi rescatado polos bombeiros con signos de hipotermia e foi trasladado ao hospital. Testemuñas afirman que o viron saír pola ventá do coche e que, cando lle preguntaron se había alguén máis dentro, afirmou que unha muller. Non houbo rastro de Fadoua ata que comezaron os traballos para refrotar o coche. O detido alegou que el tivo a sorte de que a súa ventá estaba baixada porque era fumador. As sobriñas de Fadoua aseguraron que a muller "non sabía nadar", polo que dende o seu punto de vista estaba claro que "tirouna ao mar sabendo que ela non sabía nadar". Fadoua morreu afogada, como corroborou a autopsia.

ESTELA BLANCH, UNHA MOZA ASASINADA A MANS DUN COBARDE QUE SE DEU Á FUGA PARA NON ASUMIR A RESPONSABILIDADE

Estela Blanch, de 36 anos e natural de Baiona, tiña unha filla menor de idade froito dunha relación anterior cando a súa exparella decidiu acabar coa súa vida. Humberto González Rodríguez, máis coñecido na zona como O Grilo, de 43 anos e cun historial no que constan antecedentes por tráfico de drogas, chamou pouco despois das cinco da madrugada do pasado 8 de novembro aos servizos de emerxencias do 061 para dicir que atopara a Estela ás portas do seu domicilio malferida, que a metera no interior do mesmo e a tapara cunha manta. Tras a chegada dos sanitarios, que só puideron certificar a morte da muller, deuse á fuga, asegurando que non tiña nada que ver cos feitos e que "eu non me vou comer este marrón". Levantouse da cadeira na que estaba sentado agardando xunto á reixa da entrada ao inmoble e, cando chegou a Garda Civil ao lugar dos feitos, xa non estaba, polo que se puxo en marcha un amplo dispositivo de procura.

A autopsia posterior confirmou que Estela recibira varios golpes na cabeza. Non se atopou arma do crime, polo que, segundo os forenses, esta nova tería morto a consecuencia dunha malleira, dos golpes asestados manualmente, sen que se barallase o uso de obxectos contundentes. Humberto tería usado os seus propios puños e os pés. O informe da autopsia descarta que a súa morte se debese a unha mala caída e quedou demostrado que ela tratou de defenderse, á vista das lesións que presentaba o cadáver. Xa en abril o xulgado de Violencia sobre a Muller de Vigo ditara orde de alonxamento do detido cara a vítima, polo que tiña prohibido achegarse a ela a menos de 200 metros. Ademais, Estela atopábase rexistrada no sistema VioGén con nivel de risco medio. Despois dunha semana foi detido na parroquia de Belesar, a mesma na que residía e a mesma onde se atopou o corpo sen vida de Estela. Foi el mesmo o que chamou á súa nai para que o entregase á policía, porque, segundo lles trasladou aos axentes, "non aguantaba a presión". Levaba todo o tempo da súa fuxida (uns 5 días) sen comer, oculto nun galpón.

Teléfono de asistencia a vítimas de violencia de xénero
Teléfono de asistencia a vítimas de violencia de xénero | Fonte: MINISTERIO DE IGUALDADE - Arquivo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta