Por X.A. Pérez-Lema | A Coruña | 22/09/2019
As persoas con diversidade funcional no noso País non teñen garantidos ningún dos seus dereitos á mobilidade, á autonomía persoal, á intimidade, á educación e ao traballo. Barreiras arquitectónicas a eito, mesmo en facultades universitarias, transportes públicos e establecementos hostaleiros. Falla de apoio e de entendemento ás limitacións de saúde destas persoas e esixencias de presencialidade que dificultan extraordinariamente non só a obtención de títulos oficiais, senón mesmo o acceso ao ensino regrado. Paternalismos nas Institucións e mesmo nas familias e pensións de fame que negan unha vida autónoma e dificultan a intimidade e a sexualidade. Falla dunha política de cotas eficaz para o acceso destas persas ao emprego público. Desleixo e neglixencia da Xunta na súa política de centros especiais de emprego, como amosou a noxenta liquidación do C.E.E. de Aspanas Termal, en Ourense.
Resolvermos estes problemas esixe recursos. Trátase, como defende o colectivo de persoas con diversidade funcional VIGALICIA, de superarmos o modelo médico da discapacidade, superarmos a visión social destas persoas como “seres defectuosos e especiais merecentes de caridade”. O eixo central das políticas neste eido ha ser, xa que logo, a garantía plena do dereito á asistencia persoal como chave da autonomía. Conlevaría, dende logo, moitos recursos, mais moitos deles poderían derivarse do grande gasto en institucionalizar en residencias estas persoas, na meirande parte dos casos en claro prexuizo das súas psibilidades de autonomía persoal e integración social.
Din tamén dende VIGALICIA que non existiu nunca sociedade que arruinase a súa riqueza integrando as persoas con diversidade funcional. Porque os recursos investidos neste eido sempre xeran retorno económico (dinamización produtiva, novos nichos de emprego, aproveitamento das capacidades laborais destas persoas), mais sobre todo social.
Porque garantir a igualdade das persoas con diversidade funcional é unha cuestión de dereitos humanos e de exercicio dos valores democráticos que fan posíbel a convivencia.