Yolanda Díaz sobre Errejón: "Os proxectos madrileños aquí non callan ben"

A exlíder de EU, que di estar centrada tamén na política de Madrid, non pecha a porta a ser candidata á Xunta: "Nin a vida persoal nin a política elíxea unha".

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 27/09/2019 | Actualizada ás 14:42

Comparte esta noticia

A deputada de Galicia en Común Yolanda Díaz minimizou o posible impacto que poida supor para o resto de candidaturas da esquerda a aterraxe en Galicia da plataforma de Íñigo Errejón, Más País nas eleccións xerais do próximo 10 de novembro. "Os proxectos madrileños neste país non callan ben", sentenciou.

Díaz atendeu aos medios de comunicación nos corredores do Parlamento de Galicia, onde este venres seguiu a intervención de Grupo Común da Esquerda durante a última xornada do Debate sobre o Estado da Autonomía.

A aínda parlamentaria nas Cortes (forma parte da Deputación Permanente en representación do Grupo Confederal de Unidas Podemos) restou importancia a que Más País poida competir polas provincias galegas da Coruña e Pontevedra, precisamente as circunscricións onde En Común obtivo os seus dous deputados o pasado mes de abril.

Con todo, culpou a Errejón de que o seu "proxecto madrileño" fixo "caer" á exalcaldesa de Madrid, Manuela Carmena, e "serviu" para que a Asemblea de Madrid caese en mans da dereita, tras competir o propio Unidas Podemos coa candidatura de Errejón na capital española.  Díaz asegurou que "o proxecto de Galicia en Común ten suficiente solvencia política e electoral para manterse".

"Os proxectos madrileños no noso país non callan ben", espetou Yolanda Díaz tras pór o foco en que "a dispersión do voto" entre as forzas de esquerda "axuda á dereita". Con todo, Galicia en Común está plenamente integrado, e sen capacidade de decisión propia, no grupo de Unidas Podemos en Madrid.  "A cidadanía sabe ben a quen votar. Por moito que os políticos pensen moitas veces que a xente se confunde, a experiencia dime que sempre saben a quen votar", remarcou.

CANDIDATA Á XUNTA

Tamén foi cuestionada sobre a celebración de primarias para elixir candidato á Xunta no seo da súa organización, Esquerda Unida; un proceso ao que só concorreu a deputada en Galicia, Eva Solla, sucesora de Díaz no cargo de coordinadora nacional da federación galega de EU.

Díaz, que alimentou hai un mes a posibilidade de ser candidata á Xunta nas eleccións autonómicas previstas para o ano 2020, di estar "centrada" nas súas "tarefas no Congreso", aínda que recoñece que "o futuro" está aberto porque "nin a vida, nin a persoal nin a política, elíxea unha".

Yolanda Díaz e Pablo Iglesias, nunha rolda de prensa no Congreso
Yolanda Díaz e Pablo Iglesias, nunha rolda de prensa no Congreso

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 11 comentarios

1 Galicia Beibe

Haters villaristas e pontonistas a desafogar frustracións en 3, 2, 1...

1 Pobre Procesiones

Como xa sabes que non vas poder rebater nada xa choras antes de que comenten.

2 Xanc

Villaristas, Pontonistas, Eva Sollistas, Carmen Santosistas, Bescansistas, Beiristas,... etc etc. Nin na súa casa a qu.ren xa...