Por X.M. Fernández | Allariz | 29/09/2019 | Actualizada ás 10:00
O concurso de tapas terá como ingrediente principal a exquisita carne de boi de Allariz e as persoas que degusten as diferentes tapas, mínimo catro, poderán votar no concurso cubrindo a tarxeta de votación e optando, así, a varios premios, como un mandil conmemorativo das xornadas, unha comida para dúas persoas (para os/as que consuman mínimo 9 tapas) e un vale de 200 euros para investir no comercio local para a persoa que sexa quen de consumir todas as tapas.
Das votacións dos/as clientes/as sairá a mellor tapa e outorgarase un diploma ao local hostaleiro galardoado.
Galicia Confidencial colabora na promoción deste certame gastronómico e sortea, a través da rede social Facebook, 3 menús dobres entre aqueles/as que compartan o contido indicado en tres accións a realizar durante os días que duran as xornadas de Carne de Boi de Allariz. Permanecede, pois, atentos/as ás nosas publicacións e moita sorte!.
BOIS DE ALLARIZ, DE RAZAS AUTÓCTONAS
Seis bois de Allariz, de razas autóctonas -limiá e caldelá-, foron os sacrificados para atender a demanda que require un evento destas características e que cada ano esperta maior interese. Cunha media de 450 quilogramos cada exemplar, a hostalería de Allariz disporá de máis de 3000 quilos de carne de boi de Allariz para elaborar os seus menús.
Dentro dun programa de dinamización económica, coñecido como “Allariz Sabe”, naceu un proxecto de cría e comercialización de carne de boi de Allariz no ano 2011 co obxectivo de recuperar a base territorial e facer explotacións produtivas, previr os incendios e apoiar á hostalería ofrecendo un produto de calidade. Este plan de dinamización permite a comercialización de exemplares nados e criados en Allariz, no Monte Penamá, e cebados na explotación O Rego en Coedo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.