Seiscentas voluntarias e máis de mil hectáreas limpas, o saldo das Brigadas deseucaliptizadoras

A última actuación foi no monte veciñal en man común de Froxán, un espazo distinguido pola ONU como Área Conservada e onde naceu a iniciativa.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/10/2019 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

As Brigadas deseucaliptizadoras xa levan máis de 1.000 hectáreas limpas de eucalipto e a día de hoxe forman parte deste colectivo unhas seiscentas persoas. Esta iniciativa de voluntariado ambiental naceu para “recuperar a biodiversidade e combater a eucaliptización do país fraguada durante a vaga de lumes do ano anterior”.

Brigadas Deseucaliptizadoras
Brigadas Deseucaliptizadoras

Unha das últimas mobilizacións foi “medio cento de brigadistas bótaronse novamente ao Monte Veciñal en Man Común de Froxán, en Lousame, distinguido pola ONU como Área Conservada por Pobos Indíxenas e Comunidades Locais, e no que naceu a iniciativa”. Con esta actuación xa van unha ducia de intervencións no territorio de Froxán, “a transformación da paisaxe é evidente, rescatando dentre os eucaliptos turbeiras, zonas húmidas, carballeiras e patrimonio cultural”.

Ademais de Froxán, outras actuacións das Brigadfas van desde Ferrol a Corcubión ou Dodro, na provincia da Coruña; Cotobade ou Pazos de Borbén en Pontevedra, e Cenlle, Beade ou Verín na de Ourense. Nestas últimas intevencións centraron os esforzos no combate á mimosa, outra especie invasora. Desde as Brigadas sinala que o seu traballo tivo como recoñecemento a escolla de "deseucaliptización" como palabra galega do ano 2018, ou os premios "Lush Spring Prize" e "Premio Osíxeno" outorgados neste ano.

ACTUACIÓNS PARA CONSOLIDAR TRABALLO

As máis de 600 brigadistas apuntadas reciben no mínimo unha convocatoria por mes, “que implica unha "roga", xornada de traballo ambiental colectivo, seguida dun xantar de "albaroque" e actividades culturais ou formativas na tarde”. Cada "roga" é organizada por unha ou varias entidades locais, como poden ser comunidades de montes ou asociación veciñais, “e que son as que coordenan os traballos sobre o terreno”. As Brigadas dispoñen dun banco de equipamentos “así como seguros específicos para a actividade, que se poñen en común”.

As intervencións procuran sempre consolidar os traballos realizados. Na "roga" deste sábado “era xa a cuarta vez que se actuaba sobre determinados terrenos, machacando os últimos rebrotes de eucalipto”. Os traballos sobre a turbeira de Campo de Lamas “guíase por un plan de xestión e recuperación ambiental”. Este plan foi seleccionado como un dos catro casos piloto para a guía “Cómo planificar los proyectos de custodia para adaptarse al cambio climático en las regiones vulnerables de España” e cuxo seguimento está sendo realizado por investigadoras da Universidade de Santiago de Compostela.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta