Anova renuncia ir ás xerais polo fracaso da súa chamada para articular "unha fronte ampla" con EU e Podemos

"Entendemos que a competición entre diferentes opcións do espazo de ruptura divide a necesaria unidade e non se corresponde coa nosa aposta pola acumulación de forzas, motivo polo que decidimos non concorrer ás próximas eleccións xerais" din nun comunicado.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/09/2019 | Actualizada ás 14:01

Comparte esta noticia

Anova Irmandade Nacionalista non concorrerá ás eleccións xerais do próximo 10 de novembro ao fracasar a súa chamada a articular "unha fronte ampla" das "forzas de ruptura" e para así non contribuír á "atomización" da esquerda.

A través dun comunicado enviado aos medios media hora antes do vencemento do prazo para o rexistro de coalicións para o 10 de novembro, a organización fundada por Xosé Manuel Beiras e encabezada hoxe día por Antón Sánchez anunciou a súa postura de non presentarse ás eleccións do mesmo xeito que xa fixera nos comicios do pasado mes de abril.

"Entendemos que a competición entre diferentes opcións do espazo de ruptura divide a necesaria unidade e non se corresponde coa nosa aposta pola acumulación de forzas, motivo polo que decidimos non concorrer ás próximas eleccións xerais", di o comunicado de Anova.

O partido nacionalista mantivo ata a mañá deste luns a porta aberta a renegociar a coalición cos seus socios preferentes, Esquerda Unida e Podemos Galicia, con quen comparte grupo parlamentario na Cámara galega. "Verificamos que os intereses dos partidos estiveron por encima dos intereses da xente do común", apostila a organización nacionalista, que apela a preservar as relacións nos espazos institucionais para "coidar desde alí o funcionamento do proxecto común".

 

Beiras e Antón Sánchez no acto de Anova do Día de Galicia. EUROPA PRESS - Arquivo
Beiras e Antón Sánchez no acto de Anova do Día de Galicia. EUROPA PRESS - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta