O grupo mixto cre que o informe do Valedor supón "unha emenda á totalidade" das políticas da Xunta

Luís Villares cre que o Goberno galego "fracasa" en ámbitos como o urbanismo, a pobreza enerxética, a política contra os incendios forestais, a formación a desempregados e os pagos de prestacións ou a sanidade.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/10/2019 | Actualizada ás 15:06

Comparte esta noticia

O portavoz de En Marea, Luís Villares, asegurou que o informe do Valedor do Pobo relativo ao 2018 supón "unha emenda á totalidade" das políticas impulsadas pola Xunta de Galicia durante a década como presidente de Alberto Núñez Feijóo.

Nunha rolda de prensa celebrada este venres na que estivo acompañado do deputado Davide Rodríguez, Villares analizou o informe presentado o pasado mércores polo Alto Comisionado do Parlamento de Galicia sobre as queixas presentadas ante a institución durante o ano 2018.

Para o portavoz de En Marea, as conclusións do documento "avalan" que o "discurso" da formación política que o maxistrado encabeza "non é catastrofista" senón que está asentado "na realidade", o que "retrata" as políticas da Xunta.

Así, detéñense no incremento do 7,6% rexistrado no volume de queixas recibidas polo Valedor sobre o medio ambiente, que representan o 17% do total, relativas a asuntos como o uso do glifosato para a limpeza das marxes das estradas, as "dificultades" no acceso público a expedientes de proxectos ou os "incumprimentos" da normativa autonómica sobre incendios.

Villares incidiu en que o informe revela que o Goberno galego "fracasa" en ámbitos como o urbanismo, a pobreza enerxética, a política contra os incendios forestais, a formación a desempregados e os pagos de prestacións ou a sanidade, na que, como lembrou, existen queixas dos cidadáns sobre a reforma das áreas sanitarias ou o volume das listas de espera non estruturais.

Tamén comentou que o documento da insitutución evidencia que a Xunta errou na reforma do transporte público de Galicia e que derivou no "aumento do uso do coche privado" ao "empeorar" a vertebración cos cambios introducidos nas liñas de autobús.

Ademais, cualifica de "antisocial" a liña seguida pola Xunta en asuntos como a atención a menores, os servizos no rural ou a "extensa crítica" ás políticas de vivenda que recolle o informe do Valedor.

O portavoz de En Marea, Luís Villares.
O portavoz de En Marea, Luís Villares.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta