Preocupación nos grupos da Cámara polo aumento da tendencia ao xogo, sobre todo nos mozos

Todos os grupos coinciden na necesidade de poñer en marcha medidas para analizar e controlar o incremento desta tendencia entre a rapazada.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/10/2019 | Actualizada ás 14:23

Comparte esta noticia

PPdeG, PSdeG, Grupo Común da Esquerda e En Marea coincidiron, preguntados respecto diso nas roldas de prensa celebradas na Cámara este luns, en recoñecer a súa preocupación polo aumento da tendencia ao xogo na poboación, sobre todo nos máis novos.

Así, o portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, incidiu en que a Xunta está a traballar na futura lei do xogo e sinalou que, precisamente neste pleno, o seu Grupo defenderá unha iniciativa na que insta á Xunta a que, aproveitando que elabora esta normativa, inclúa a creación dun observatorio galego de xogos. Dito ente debería ter entre as súas funcións elaborar un protocolo de menores en materia de xogo e un informe anual sobre o xogo na comunidade.

Tamén o portavoz parlamentario do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, mostrou a súa preocupación "polo aumento da tendencia ao xogo entre a poboación xuvenil", cuestión que pon a atención sobre "a presenza de casas de aposta nas proximidades de centros educativos" ou lugares de lecer xuvenís.

Con todo, Leiceaga considerou que "ten máis importancia aínda" a proliferación do xogo en liña xa que "calquera mozo" que dispón dun teléfono móbil pode "acabar conectado a un sistema" de xogo deste tempo.

"Hai que facer un esforzo para evitar que se produza unha consolidación ou agudización desta tendencia entre os mozos, facer un chamamento ao novo goberno para que estude esta realidade e tamén que se poña coto a unha proliferación das prácticas de xogo por parte da Xunta", apuntou.

Xogando a Fortnite / Miguel Núñez Xogando ao videoxogo Fortnite / Miguel Núñez
Xogando a Fortnite / Miguel Núñez Xogando ao videoxogo Fortnite / Miguel Núñez

AFASTAR AS CASAS DE APOSTA DOS COLEXIOS

Pola súa banda, a deputada do Grupo Común da Esquerda Eva Solla asegurou que "non basta con facer un anuncio de que hai que afastar as casas de aposta dos colexios" senón que deben de estar "afastadas" de todos os lugares infantís e xuvenís e "camiñar cara á súa desaparición".

"Non é un lecer aceptable para a mocidade pero, en xeral, tampouco para o conxunto da poboación", manifestou Eva Solla, que lembrou que no Debate sobre o Estado da Autonomía o seu grupo presentou iniciativas relacionadas con esta cuestión.

IMPEDIR A PUBLICIDADE DE INCITACIÓN AO XOGO

Pola súa banda, o deputado do Grupo Mixto Pancho Casal fixo un chamamento a "impedir" a publicidade de incitación ao xogo, que "antes era a partir das doce da noite e agora as retransmisións deportivas están copadas" destes anuncios, "sobre todos dirixidos á xente nova".

Neste sentido, reclamou aos "referentes deportivos e doutro tipo de actividades non se prestasen a incentivar" estes contidos. E é que, tal e como asegurou, a adicción ao xogo "non afecta a xente que ten máis capacidade económica, senón a xente máis precaria" e "nova".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta