Educadoras sociais, unha profesión en risco e sen estatus definido para atender aos máis vulnerables

Varias concentracións en Galicia queren chamar a atención á Xunta sobre a futura convocatoria de prazas para educador social. O acceso ás probas para outras titulacións como psicoloxía ou maxisterio pon en alerta a este colectivo. Considérano intrusismo laboral nunha área que conta cos seus estudos propios.

Por Moncho Mariño | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/10/2019 | Actualizada ás 21:54

Comparte esta noticia

A presentación do borrador para a convocatoria do proceso selectivo de educadores sociais, volveu abrir as reclamacións deste colectivo. A saber, que só se poidan presentar ás prazas convocadas para a súa especialidade quen teña o título correspondente dese grao. A reivindicación xa vén de vello, de antes das últimas probas convocadas en 2006.

A conselleira de Política Social, Fabiola García. XUNTA
A conselleira de Política Social, Fabiola García. XUNTA

Á parte da reivindicación para as probas de acceso, o colectivo de educadores e educadoras sociais forman un grupo profesional pouco coñecido pola maioría. A súa intervención vai dirixida a mellorar a integracións de colectivos especialmente vulnerables. Así o perfil co que traballan non é único, senón que vai desde persoas maiores, xente nova con poucos recursos ou persoas con discapacidade.

O TÍTULO DE EDUCACIÓN SOCIAL

A carreira en si naceu hai tres décadas e noutras comunidades autónomas existe a figura de educadora ou educador social. “É unha carreira que nace por unha demanda social” di Rocío Núñez do Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia (CEESG). Co tempo foi abranguendo máis segmentos ou ámbitos como a interculturalidade ou a intervención de rúa. “Somos profesionais do ámbito socioeducativo” di Núñez. A percepción que un pode ter é a de facer accións sociais con aptitudes pedagóxicas.

O goberno galego ten unha única categoría para unha serie de postos entre eles o de educador social, esa categoría é a de “educador”. Esta figura pode recoller debaixo da súa nomenclatura titulacións como Pedagoxía, Psicoloxía e Maxisterio ademais de Educación Social. Esta última figura no currículo desde 1991. En 2012 pasou a ser Grao en Educación Social.

As persoas maiores son un colectivo atendido polos educadores sociais
As persoas maiores son un colectivo atendido polos educadores sociais | Fonte: EP

“A nosa reivindicación desde hai anos é que a terminoloxía “educador” se extinga para ser substituída pola denominación de educador ou educadora social” sinala Rocío Núñez. A idea é que as prazas convocadas están en centros de menores, educación especial e atención a persoas con diversidade funcional. “As outras titulacións xa teñen as súas propias convocatorias desde a Xunta de Galicia” remarca Núñez.

A última convocatoria da Xunta para encher prazas de educadores sociais foi en 2006. A cuestión é que se abriu unha serie de contactos desde Vicepresidencia da Xunta, Función Pública e a Consellería de Política Social por parte de representantes do colectivo de educadoras e educadores sociais. A intención era que non se repetisen os mesmos erros anteriores, que non saíse o borrador da convocatoria para este ano. A convocatoria foi anunciada hai dúas semanas. “As prazas están a maioría na Consellería de Políticas Sociais, hai algunhas de Educación e outras dependen de Vicepresidencia, que son os equipos de valoración” sinalan desde CEESG.

Dentro desta convocatoria existe un proceso de estabilización de postos que inclúe aquelas persoas sen a titulación de Educación Social, mais cunha permanencia de interinidade moi longa. “Non queremos que esas persoas queden fóra do proceso” di Rocío Núñez. Non obstante, abríronse dous procesos, consolidación e quenda libre para a nova convocatoria que son 86 prazas. Tanto en quenda libre como en promoción interna, piden que se regule o acceso só ás persoas coa titulación de Educación Social.

REGULACIÓN NO PRIVADO E NON NO PÚBLICO

Segundo o Colexio de Educadoras e Educadoras Socias, hai 4.200 persoas tituladas que non teñen un posto recoñecido na administración. Estas persoas “teñen que estar” dentro dos equipos multidisciplinares que atenden os colectivos cubertos polas políticas sociais. Isto sucede noutras comunidades. Mais en Galicia por que non? “Cremos que é por falta de vontade política” sinala o CEESG.

En 2018, para o ámbito privado, aprobouse o convenio marco dos centros de protección e reforma de menores. Isto para todo o Estado. O documento recolle que a figura de “educador” é unha categoría a extinguir. Daquela, quen queira acceder aos centros privados deberá ter a titulación de Educación Social. En Galicia no sector público, os e as educadoras sociais están financiadas por convenios coa Xunta dentro do terceiro sector.

Sobre a actual convocatoria, a mensaxe transmitida durante as reunións coas entidades da Xunta implicadas, “o director xeral de Función Pública dicía que quen tería que dicirnos as características dos postos é a conselleira (Fabiola García), o vicepresidente da Xunta dicía que temos que facer o mesmo porque a xente non sabe quen somos, a conselleira dixo que as nosas peticións eran lóxicas e terían que ver como incorporar a figura de educador social á lei de emprego público, que tamén se está modificando” sinala Rocío Núñez.

Con todo isto coincide Dolores, educadora social en activo, quen apunta como “intrusismo laboral” o feito de poder acceder ás prazas convocadas con outras titulacións. “Presentáronse alegacións ao borrador da Xunta, mais a convocatoria tería que saír en tres semanas ou un mes”. Cando se lle preguntou polo motivos de que a convocatoria estea aberta a varias titulacións, Dolores di que “non o sei, penso que sobre todo por descoñecemento e por ser unha titulación das máis novas”.

CONTACTO COA XUNTA DE GALICIA

Galicia Confidencial púxose en contacto coa Consellería de Política Social, quen remitiu á Consellería de Facenda, pois é a que prepara os orzamentos para estas convocatorias. A resposta por parte do departamento que dirixe Fabiola García é que non se van pronunciar de momento.

Os motivos son que están en negociacións cos sindicatos, cos e coas traballadoras. Por tanto, non queren pronunciarse ata que haxa un acordo en firme sobre o borrador da convocatoria e sobre o relativo ás titulacións para acceder ás probas. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Pedagogo

Sempre leo a mesma queixa das e dos educadores sociais, que se debe ter en conta a súa titulación; a titulación e non as competencias, coma sempre, neste país é o único que importa. Logo nos sorprendemos das cousas que pasan. É tan difícil entender que os pedagogos tamén son educadores?