Por Galicia Confidencial | Madrid | 16/10/2019 | Actualizada ás 15:15
O Partido Popular sería o gran beneficiado das eleccións do 10N. Segundo unha enquisa de Celeste-tel para eldiario.es, o PP achegaría ao cento de escanos e situaríase a cinco puntos do PSOE. Só 15 escanos separarían agora á primeira e segunda forza en apoios. Unha enquisa que non dá representación a Más País e ao BNG en ningunha provincia galega.
Segundo este traballo demoscópico, o Partido Socialista manteríase como a forza máis votada co 27,3% dos votos e 118 escanos, cinco menos dos obtidos a comezo de ano. O traballo de campo deste barómetro foi realizado entre o 7 e o 11 de outubro, polo que non recolle os efectos que a sentenza do procés poden ter no voto para as eleccións do 10 de novembro.
Segundo Celeste-Tel, Unidas Podemos será a terceira forza no Congreso. A enquisa sitúa á lista encabezada por Pablo Iglesias no 13,7% dos votos, con 37 deputados, cinco menos que os 42 que obtivo en abril. A baixada de socialistas e morados non beneficiaría ao novo actor da esquerda, Íñigo Errejón, que quedaría só con sete escanos; dous por Madrid e por Valencia e un por Barcelona, Sevilla e Málaga.
O partido que peor parado sairía sería Ciudadanos que pasaría de 57 a 29 escanos, case 39 menos e o 11,4%, uns votos que irían a parar ao Partido Popular xa que Vox co 8,4% ten opcións de manter 20 dos 24 escanos que tiveron en abril.
Pola súa banda, ERC mantería os 15 actuais, Junts per Catalunya baixaría de sete a seis, o PNV mantería os seis actuais igual que EH-Bildu os seus catro e Nafarroa Bai os seus dous. Coalición Canarias mantería tamén os seus dous e o Partido Regionalista de Cantabria, un. Tamén entrarían os independentistas das CUP, con 1 deputado. A sondaxe non lle dá escano ao BNG.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.