Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/10/2019 | Actualizada ás 12:23
O PP local da Coruña propón a baixada do 10% no recibo do IBI na cidade da Coruña, unha baixada que sería maior naquelas familias con dous ou máis fillos ou con problemas económicos.
Así o indicou en rolda de prensa a portavoz popular na Coruña Beatriz Mato, quen está á espera de reunirse co goberno municipal do PSOE para abordar os orzamentos do ano 2020.
"A nosa proposta pasa por unha baixada lineal do 10% excepto a determinadas familias que polas súas características cremos que merecen unha baixada superior: expomos unha baixada do 40% para familias con dous fillos; unha baixada do 75% do IBI sobre as familias que teñan dificultades económicas e unha baixada do 90% para as familias numerosas e monoparentais con dous fillos", avanzou.
Esta baixada do IBI era unha das propostas que o populares levaban no seu programa electoral e que agora esperan poder "negociar" co goberno municipal, do que, din aínda non tiveron noticias para reunirse e abordar os orzamentos do próximo ano. Unha reunión que a alcaldesa foi mantendo estas últimas semanas cos portavoces do resto de grupos da oposición.
"Non me importa ser a última convidada se podemos incluír medidas do noso programa", indicou Mato, que está disposta a negociar con Rey, pero rexeita "participar nun paripé". "Faremos propostas e sentarémonos para negociar, non para sacar unha foto", engade.
Ademais da baixa do IBI, os populares presentarán outras propostas como a mellora dos campos de La Torre, un plan integral para a Pescadería ou actuacións na Cidade Vella. "Estamos a esperar para negociar estes orzamentos sen poñer cordón sanitario", afirma a dirixente popular.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.