Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/10/2019 | Actualizada ás 14:43
PSdeG e o Grupo Común da Esquerda celebrou a exhumación dos restos do ditador Francisco Franco do Val dos Caídos, aínda que coincidiron en que chega "tarde", mentres que o portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, indicou que lle parece "ben" o paso, que se axusta "á lei" e que non ten "nada que obxectar", aínda que puntualizou que este tipo de casos deberían ir encamiñados a "reforzar o pacto constitucional do 78".
Cun contexto marcado polos disturbios en Cataluña tras a sentenza do 'procés' e ás portas das eleccións xerais do 10 de novembro, Puy lamentou que "non se dean as circunstancias" para que este "reforzo" do "gran acordo de convivencia" do 78 sexa posible.
Pola súa banda, o portavoz parlamentario do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, asegurou que a retirada dos restos de Francisco Franco do Val dos Caídos era "absolutamente imprescindible" e que "sería mellor" que se "producise hai anos".
Así mesmo, considerou que "contribúe a normalizar" a relación cun "período negro da historia", aínda que "insuficiente" porque, na súa opinión, aínda "quedan moitas cousas por facer en materia de memoria histórica".
"Espero que isto sirva tamén para normalizar no conxunto das administracións a atención á necesidade de reparar as inxustizas que se cometeron neste terreo", manifestou o portavoz socialista, que considerou necesario que todas as familias poidan saber "onde están os seus mortos" ata "cumprir as disposicións da lei de memoria histórica".
Con todo, en materia de memoria histórica, Leiceaga aproveitou para censurar a "pasividade e a inacción" do Goberno galego.
"CHEGA TARDE, PERO ERA IMPRESCINDIBLE"
En relación á exhumación dos restos do ditador tamén se pronunciou a parlamentaria Luca Chao, de Grupo Común da Esquerda, quen celebrou o paso. "Chega tarde, pero era imprescindible, un momento que temos que saudar todos os comprometidos coa democracia", sentenciou.
"É un momento feliz, un paso dos moitos que nos quedan por dar", subliñou, antes de engadir que é preciso "esixir o cumprimento" pleno da memoria histórica, tendo en conta que quedan "miles de persoas en fosas" que hai que "devolver a lugares de dignidade que queiran as súas familias".
"REFORZAR O GRANDE ACORDO DE CONVIVENCIA"
Aínda que recoñeceu que lle parece "ben" e dixo non ter "nada que obxectar", Puy considerou que esta é "unha cuestión que debería resolverse doutra maneira, buscando acordos e facendo normal o que é normal". "Se isto ten algo de positivo é que o acordo da Constitución se vexa reforzado e lamento que as circunstancias o impidan", apostilou.
"Considero que o que é importante, en relación a este tipo de cuestións, é que permitan reforzar o que significou o pacto constitucional do 78. Paréceme ben a actuación do Goberno, cumpre a lei; pediría que este tipo de actuacións estean orientadas a reforzar os pactos de reconciliación e de consenso político que hai ao redor da nosa democracia", indicou.
Finalmente, Puy asegurou comprender que haxa "moitas persoas" que vexan na exhumación "un acto de xustiza", pero reafirmouse en que, como sociedade, é preciso "ver isto como un paso máis na consolidación da democracia e nun reforzo da conciliación que supuxo a negociación da Constitución, non como instrumento para a polarización e moito menos para o debate electoral".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.