Por Galicia Confidencial | Sanxenxo | 22/10/2019 | Actualizada ás 15:55
O alcalde da localidade pontevedresa de Sanxenxo, Telmo Martín, tachou este martes de "populistas de merda" a todas aquelas persoas que critican a xestión da sanidade pública galega por considerar que a utilizan politicamente.
O rexedor pontevedrés e destacado membro do PP asegurou que el é un "firme defensor" da sanidade pública e afirmou que é "lamentable e triste" esta "utilización partidista" do sistema sanitario.
"É unha vergoña", engadiu Martín, que destacou que a sanidade "debería estar fóra" do debate político e traballar unicamente para lograr unha "mellora constante" no sistema.
O político asegurou estar "indignado" coas críticas á sanidade e fixo extensible o seu enfado "tamén a xente do meu partido".
A todos eles recomendoulles "viaxar máis polo mundo adiante" para valorar o sistema sanitario español e "pensar dez segundos antes de falar mal do sistema de saúde público en Galicia.
A maioría de persoas "razoables" deste país, segundo Martín, están "orgullosas" da sanidade galega e, por iso, os políticos que critican o seu estado actual "pensan que os cidadáns son uns ignorantes".
Ademais, Martín cargou tamén contra os sindicatos do sector sanitario porque, ao seu xuízo, son uns "acovardados" e prexudican "moitísimo" a sanidade, especialmente porque "non din o mesmo sen cámaras que con elas diante".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.