Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/12/2024 | Actualizada ás 13:27
Co transfondo da manifestación contra o plan industrial de Altri en Palas de Rei que percorreu as rúas de Santiago de Compostela o pasado domingo, a planta que proxecta a pasteira portuguesa centrou a última sesión de control do ano no Parlamento entre a líder do BNG, Ana Pontón, e o presidente da Xunta, Alfonso Rueda.
Pontón, quen recorreu a enumerar unha lista de produtos das empresas da zona para explicar os "miles de empregos en xogo" nas comarcas da Ulloa e Arousa se se materializa "a instación desta macrocelulosa" (levou varios ao hemiciclo, dun queixo a unha lata de mexillóns), esixiu a Rueda que "abandone a súa soberbia e escoite". E é que, tras subliñar en que o xefe do Executivo galego está preocupado polo "malestar" social que se plasmou na protesta da fin de semana, insistiu en que debe "rectificar" o que entende como unha "deslealdade a Galicia". Pola contra, avisou: "a cidadanía non lle vai a perdoar que poña Altri por enriba das súas vidas".
Previamente, queixouse de que, mentres outros gobernos logran "atraer proxectos de vangarda, tecnolóxicos e de futuro, a Xunta que dirixe Alfonso Rueda "só ofrece a Galicia o espolio contaminante da macrominería e de megacelulosas que ninguén quere". Así mesmo, mentres Rueda insiste en que o BNG cambiou de postura tras as eleccións do pasado 18 de febreiro, a líder nacionalista afeoulle o seu "engano" e recalcou que o líder do PP "mentiu ao Parlamento e á sociedade" ao "ocultar" o proxecto de Altri ata despois dos comicios autonómicos.
"OS TÉCNICOS TEÑEN A PALABRA"
En fronte, Rueda reafirmouse na súa postura e, tras cuestionar que unha dirixente que aspira a "presidir a Xunta", poña "en cuestión" o traballo dos seus técnicos, pediu "respecto" para o seu labor e insistiu en que eles son os que "teñen a palabra". Mentres, Pontón suxeriu que, a pesar das continuas alusións a informes técnicos do Goberno galego, trátase de "unha decisión política xa tomada". "En Galicia as cousas non funcionan así", defendeuse o presidente autonómico, quen suxeriu que se cadra si nas "democracias" que "gustan" ao BNG (citou Rusia e Venezuela). E afeou aos nacionalistas oporse "a calquera proxecto" que se queira impulsar na comunidade co fin político de, posteriormente, poder afirmar que "non se fai nada".
"CREDIBILIDADE DO TAMAÑO DUN PÉLET"
Así mesmo, o presidente galego tamén lembrou o papel do Bloque ante a vertedura de pélets que afectou á costa galega un ano atrás para pór en dúbida a "credibilidade" de Pontón, á que outorgou "o tamaño dun pélet como moito". E incidiu en que a Pontón se lle "nota moito" que, a pesar de que, "cando finalice a lexislatura levará 25 anos no Parlamento, non estivo no Goberno nin un só minuto". Pontón queixouse de que recorra a Rusia, a Venezuela ou a "descualificacións persoais" ante a falta de argumentos, antes de que Rueda chancease con que "se podería evitar" a réplica "que segue en cada sesión de control cando non lle vai ben".
"Comprendo que agora mesmo hai moito ruído, que o seu partido, despois de tantos anos, empeza a expor certas cousas. Pero tamén lle pido a vostede que faga un exercicio de xenerosidade e por unha vez pense en Galicia, en que hai oportunidades que non podemos perder. A xente quere traballar aquí, os mozos", proclamou. Finalmente, despois de reiterar o seu "respecto" aos manifestantes do domingo, mesmo "aos que só foron a levar unha bandeira estrelada", finalizou: se o proxecto de Altri en Palas cumpre para "ir para diante", irá; se non se axusta á normativa ambiental non será autorizado.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.