Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/12/2024 | Actualizada ás 14:48
O Parlamento de Galicia reclamou por unanimidade a rehabilitación integral da estrada nacional N-541, a vía onde en Noiteboa de 2022 ao seu paso polo municipio pontevedrés de Cerdedo-Cotobade se rexistrou o accidente con autobús que causou sete mortos e varios feridos ao despeñarse polo viaduto de Pedre. A iniciativa, trasladada á Cámara autonómica polo PP, saíu adiante no pleno celebrado este mércores no Pazo do Hórreo co apoio de todos os grupos, entre os que tamén houbo unanimidade para instar o Goberno central a que aprobe xa desde o ano 2025 as exencións fiscais para entidades colaboradoras co Xacobeo 2027.
Estas dúas foron as únicas proposicións non de lei que foron aprobadas na última sesión de 2024, que tivo lugar este mércores no Parlamento autonómico, onde a maioría absoluta do PP rexeitou todas as iniciativas presentadas pola oposición: dúas do BNG sobre vivenda e acollida de menores; e outras tantas do PSdeG relativas ao bono social térmico e avances na reversión de terreos portuarios sen uso marítimo en favor dos concellos. Desta forma, a Cámara reclamou ao Goberno que deseñe unha rehabilitación integral da estrada nacional que une as capitais pontevedresa e ourensá, sinalada polo deputado popular Argimiro Marnotes como unha das vías "con máis sinistralidade" de Galicia.
Tras enumerar unha serie de accidentes rexistrados na N-541 e aludir ao Pacto de Pedre, que reúne a alcaldes e alcaldesas polos que discorre a infraestrutura en demanda de melloras de seguridade na estrada, Marnotes incidiu en que o arquivo da causa contra o condutor do autocar "demostra" que a causa do accidente de Pedre "foi o mal estado da estrada". Por iso, a iniciativa do PP reclama unha actuación integral porque "non hai que esperar a lamentar máis vítimas para tomar medidas", á vez que solicita que se leve a cabo un estudo que analice a viabilidade de construír unha vía de alta capacidade que sirva de alternativa e que non transcorra por Pontevedra nin O Carballiño.
Durante o debate, o deputado do PSdeG Carlos López Font acusou ao PP de "facer demagoxia" co estado desta estrada, onde o Estado investiu "máis de 6 millóns de euros" e que "segundo os datos oficiais non está nin de lonxe entre as máis perigosas da provincia" pois "case a metade dos accidentes débense a cruces de animais". Pola súa banda, o deputado do BNG Paulo Ríos, quen, tras afear as palabras de López Font ao considerar que restaban importancia á sinistralidade do viario, botou en falta que a Xunta tivese "máis proactividade" para incluír entre as súas demandas ao Estado a rehabilitación desta vía. Tamén interveu nesta iniciativa o deputado de Democracia Ourensana Armando Ojea, que puxo o foco no "moi deteriorado" estado da estrada, na que "non hai máis accidentes porque os condutores van con coidado".
XACOBEO
A outra iniciativa de impulso aprobada este mércores foi a demanda ao Goberno para que saque adiante canto antes o mecanismo que permita acollerse a exencións fiscais ás empresas e entidades que colaboren coa organización do Xacobeo 2025. Esta cuestión, como subliñou na súa intervención Borja Verea, conta co "consenso total" do Consello Xacobeo que preside o ministro de Cultura, Ernest Urtasun, e habitualmente acompaña aos orzamentos do Estado. Ante a "incerteza" que Verea apuntou sobre a aprobación destes orzamentos, urxiu ao Goberno a que dispoña doutros mecanismos para que poidan activarse este programa de exencións xa a partir do 1 de xaneiro do próximo ano.
Os socialistas lograron que se incluísen unha emenda na que se apela a que a organización do Xacobeo se leve a cabo de forma "equitativa e igualitaria" por todo o territorio galego para, en palabras da deputada Lara Méndez, evitar que se converta nun elemento de "discrecionalidade" do PP. Pola súa banda, o deputado do BNG Daniel Pérez, antes de avanzar que apoiarían a iniciativa, instou ao PP a "redefinir" a concepción do Xacobeo para priorizar "calidade por cantidade" e facelo "máis rendible ambiental, social e economicamente".
INICIATIVAS REXEITADAS
O resto das iniciativas foron rexeitadas polo PP, que se valeu da súa maioría para tombar as propostas da oposición relativas a incrementar os apoios económicos ás familias acolledoras de menores (BNG), garantir uns "mínimos" de habitabilidade ás vivendas dotacionais (BNG), "complementar" desde a Xunta o bono social térmico do Estado (PSdeG) e avanzar na reversión dos terreos portuarios sen uso marítimo en favor dos concellos (PSdeG). A encargada de defender a postura do grupo maioritario neste punto foi a deputada María Dores Hermelo, que subliñou que Portos de Galicia "leva desde o ano 1997 tramitando reversións" de terreo portuario "e seguirao facendo", aínda que remarcou que se trata de procesos "longos" que tamén implica a Costas do Estado.
Neste sentido, asegurou que na actualidade a Administración autonómica traballa coa Federación Galega de Municipios e Provincias na reversión de 450 metros cadrados de terreos portuarios para o seu paso a mans dos municipios, un proceso que cifrou que terá un impacto económico de 12 millóns de euros. Antes, durante a exposición da inicitiva, a parlamentaria socialista Lara Méndez acusou o Goberno autonómico de levar instalado "anos" na "inacción absoluta" sobre o traspaso da titularidade destes terreos que a proposición do PSdeG demandaba acelerásese para favorecer ás administracións locais. Ademais, o PSdeG tamén solicitaba no texto que se tomasen en consideración "todas as peticións" dos concellos e que só se exceptúen aquelas "que pola súa utilización actual ou previsión concreta de futuro teñan obxecto de uso realmente portuario".
Por parte do BNG tomou a palabra a deputada Rosana Pérez para acusar a Portos de "saquear" aos concellos con taxas cando son estas administracións as que "manteñen" estas zonas que non teñen ningún tipo de uso portuario". En canto á iniciativa sobre as familias acolledoras, a deputada do BNG Ariadna Fernández sinalou que se trataba dunha proposta "de mínimos" que solicitaba duplicar os apoios económicos, aplicar medidas compensatorias e crear un banco de familias, polo que rexeitou incluír unha emenda do PP que, en palabras da parlamentaria Raquel Arias, pedía enfocar a "datos realistas" e "non utopías" as reclamacións dos nacionalistas. "Son vostedes os que lles quitan a estes nenos a oportunidade de ter un apoio e unha infancia segura", aseverou Fernández, que acusou á Xunta de fomentar un modelo de "institucionalización" da acollida en Galicia. Fronte a isto, Arias defendeu que Galicia "é a sexta comunidade autonóma con mellores datos" de acollida do Estado e que as partidas da Xunta para isto "duplicáronse" desde o ano 2020.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.