Veciños de Teo denuncian o inicio de obras en Casalonga co baleirado da lagoa

Tanto a plataforma Casalonga Limpa de Residuos como o Concello xa solicitaron a paralización cautelar das obras.

Por Galicia Confidencial | Teo | 22/10/2019 | Actualizada ás 17:49

Comparte esta noticia

A plataforma Casalonga Limpa de Resiudos denuncia que comezou o baleirado da lagoa situada nos terreos da antiga canteira en Teo. Segundo comunica a propia plataforma, este pasado luns as augas da lagoa estaban sendo conducidas a un regato que pasa polo lugar de Francos en dirección ao río Tinto. As testemuñas puxeron en coñecemento da Garda Civil este feito para trasladalo ao Seprona.

Lagoa da canteira de Casalonga
Lagoa da canteira de Casalonga | Fonte: Casalonga Limpa de Residuos

Segundo o comunicado da plataforma veciñal “a unidade da Garda Civil constatou que coa evacuación se estaba permitindo a baixada tanto das percas existentes na lagoa como das esporas da herba da pampa”. As accións de baleirado estanse a realizar con “maquinaria que excede a limitación de 4,5 tn da pista”. Deste xeito, a plataforma solicita colaboración veciñal para conseguir “fotos de calquera maquinaria ou camión que alí se atope e facelas chegar á plataforma a través das diferentes redes sociais, coa intención de denunciar este feito”.

Xunto a isto, desde Casalonga Limpa de Residuos alertan que as accións e obras executadas na antiga canteira, non deberían estarse realizando pois existe un expediente de caducidade xa iniciado, ademais de sinalar que a empresa executora non ten plan de restauración para o lugar. Por iso acusan á Dirección Xeral de Minas de gardar silencio ante as solicitudes enviadas pola plataforma e o Concello. Engaden tamén que non se está cumprindo co plan de seguridade da empresa entregado a Minas.

Por último, sinalan que “despois de que se conseguira parar tanto o proxecto da planta de biogás como o primeiro plan de restauración”, o proceso está esperando que a Dirección Xeral de Minas “faga unha proposta de resolución, tendo en conta as máis de mil alegacións xa feitas pola veciñanza á declaración de impacto ambiental solicitada pola empresa”. Anuncian que esta proposta virá acompañada dun novo período de alegacións públicas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta