Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/10/2019 | Actualizada ás 18:38
A Asociación Eólica de Galicia (EGA) sinala que se pechará o ano 2019 con 480 megawatios (MW) novos de potencia eólica instalada procedentes da vintena de parques que entraron na recta final da súa construción.
"Por tanto estaremos a roldar os 4.000 MW, pero o noso obxectivo firme é crear 500 MW novos cada ano ata 2030", destaca. O presidente da entidade, José Manuel Pazo, engade que, de manter esa regularidade, "esa será a verdadeira revolución que devolva a Galicia ao liderado do sector".
A través dunha nota de prensa, EGA sinala que o ano próximo a metade dos parques galegos terán máis de 15 anos, un tempo de vida que os pon "na grella da repotenciación". "Isto quere dicir que as vellas máquinas de medio MW de potencia poderían ser substituídas por outras de 4 MW, minorando sensiblemente a cantidade de aeroxeradores no monte e o seu impacto paisaxístico", indica.
Pero, para abordar esta repotenciación, demanda "axudas fiscais, axilidade na tramitación administrativa e un aumento da potencia a evacuar". "A tecnoloxía vai moi rápida, pronto haberá no mercado turbinas de 5,6 MW de potencia", destacou.
MANIFESTACIÓN
Por outra banda, máis dun centenar de veciños de Samos e Triacastela manifestáronse este mediodía en Samos para solicitar que se desbloquee a construción do parque eólico do Monte Oribio. Por isto, na xuntanza popular deste mediodía reclamouse que "non se poñan máis trabas á finalización dunhas obras que permitirán, entre outros aspectos, a dinamización económica de zona".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.