Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/10/2019 | Actualizada ás 15:44
O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, anunciou este venres que a formación que lidera Alberto Núñez Feijóo apoia e estará representada na concentración convocada polo que fora alcalde da Coruña Francisco Vázquez e outros deputados constituíntes para este domingo na Coruña "en apoio á Constitución e aos cataláns constitucionalistas".
Francisco Vázquez, que se deu de baixa do PSOE en 2014, ofreceu esta semana unha rolda de prensa acompañado polos que foran deputados de UCD Nona Inés Vilariño e José Manuel Couceiro. Os tres explicaron que, ademais, a mobilización conta co apoio doutro tres parlamentarios constituíntes como foron Antonio Vázquez Guillén, Perfecto Yebra e José Manuel Piñeiro.
Na súa intervención, Francisco Vázquez destacou que esta concentración terá lugar de forma paralela á convocada por Societat Civil Cataluña "en defensa da convivencia e pola democracia" e despois de que estes chamasen aos cidadáns do resto de España a saír á rúa.
Tellado ratificou o apoio dos populares a esta concentración e, aínda que non concretou se estará o propio Feijóo —dixo que hai que "casar axendas" e esta fin de semana o presidente galego viaxa a Alacante—, deu a entender que a idea é que o PPdeG estea representado "ao máis alto nivel".
Finalmente, animou á cidadanía a participar "de forma cívica" na defensa dos "valores" e do "espírito de Transición e a Constitución española hoxe en día máis vixente que nunca" tras a sentenza que condenou os líderes do 'procés'.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.