Por Galicia Confidencial | Teo | 27/10/2019 | Actualizada ás 19:10
A Plataforma Casalonga Limpa de Residuos convocara para este domingo unha manifestación contra as obras de baleirado da lagoa situada na canteira de Casalonga, Concello de Teo. Segundo a organización, sobre as once da mañá xuntáranse “máis de 3.000 persoas a pesar do precipitado da convocatoria” que se organizou en tres días.
Por outra parte, a Plataforma tamén comunica que “a veciñanza alarmouse ao escoitar a nova transmitida pola plataforma sobre o comezo das voaduras na canteira este martes ás 10:30”. Así, o descubrimento do baleirado da lagoa o pasado luns, motivou diferentes denuncias a Augas de Galicia, en fiscalía e en Medio Ambiente, a Dirección Xeral de Minas e a Medio Ambiente.
O percorrido rematou frente a lagoa onde a Plataforma Casalonga Limpa de Residuos informou aos asistentes dos movementos que tanto a empresa explotadora da canteira como a propia plataforma fixeran na última semana, “dende que se tivo noticia do inicio do proceso de baleirado ata a súa paralización temporal coa correspondente sanción aos responsables da vertedura”. Non obstante, desde a organización da marcha avisan que “puideron comprobar que a paralización foi ordenada pero non executada pois continúa a fluír auga da canteira”.
Durante o acto tamén intervíu o biólogo Pablo Gómez Sande, quen alertou da “contaminación biolóxica que se está a producir co baleirado da lagoa, debido á liberación de especies exóticas potencialmente invasoras, como o carpín dourado ou o plumeiro da Pampa”.
A noticia de última hora que comunicaron dende a plataforma “foi a confirmación de voaduras na canteira para este martes ás 10:30”. Os asistentes congregados “comezaron a comunicarse uns aos outros a necesidade de xuntar xente este martes á mañá na canteira para impedilas”.
Finalmente, rematouse coa petición ao goberno autonómico da paralización inmediata dos traballos da canteira. Con todo, desde a Plataforma recordaron á veciñanza que “hai que seguir en loita pois só cambios nas leis autonómicas ou estatais poden paralizar para sempre este atentado contra a saúde pública” que se está a producir “ao permitir que antigas canteiras poidan converterse en vertedoiros coa escusa da súa restauración”.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.