Dende 1995, a rebelión atende á violencia dirixida á subversión constitucional e a sedición á violencia dirixida a impedir a aplicación da lei ou das resolucións administrativas e xudiciais. A redacción do delicto é absolutamente indeterminada e interpretábel. De feito este delicto de sedición foi derrogado hai xa 50 anos na Alemaña e constitúe un elemento extraño á comunidade xurídica europea.
A sentenza do TS interpreta por primeira vez a sedición dende a vixencia do CP 1995 e faino nun sentido claramente limitativo das liberdades, nomeadamente a de manifestación. A restrición da liberdade é tan grave que no futuro poderase condenar por sedición ás persoas que baixen á rúa para protestar contra despexos, regulacións de emprego e despedimentos, medidas cautelares de cárcere, copagamentos sanitarios, suba do prezo de servizos públicos…A nova interpretación xurisprudencial e máis a “lei mordaza” ( vixente por mor da inutilidade da esquerda española) restrinxirá substancialmente os nosos dereitos. Non se trata xa de independencia, senón de liberdade.
Canto á malversación, o ex ministro de Facenda estatal, Cristóbal Montoro, negou de todo calquera aplicación de fondos da Generalitat ao referéndum do 1-Ou. Ninguén mellor ca él para sabelo, pois que controlou directa e rigorosamente todos os gastos da Administración catalá entre o 13-S de 2017 até fins de maio de 2018. Na sentenza do TS considéranse malversacións propostas de gasto nunca concretadas, axudas de custo de convidados do Diplocat (organismo consorcial autónomo da Generalitat) ou o uso de centros cívicos na fin de semana. A malversación requiría neste caso dun uso manifestamente ilegal dos cartos da Generalitat no prexuizo do seu patrimonio. Non meras dúbidas de legalidade administrativa no exercicio da administración do erario público.
O que latexa na sentenza como verdadeiro pecado d@s pres@s polític@s era convocar ou darlle pulo ao referéndum do 1-Ou, mais dende o 2005 non existía o delicto de convocatoria dun referéndum ilegal, introducido por Aznar dous anos antes como arma contra o goberno do PNV e o seu Plan Ibarretxe.
Como dixemos no antronte, a lóxica da sentenza do TS é política (represiva) e non xurídica.