O colectivo dos celadores reivindica ter presenza propia dentro da reforma sanitaria en Galicia

O colectivo de celadores quere participar de maneira activa nas mesas para a reforma da Atención Primaria. A Asociación de Celadores Galegos di que se está negociando sen contar con eles. Os sindicatos apuntan que si están pendentes desta figura sanitaria, mais que as mesas de reforma da Atención Primaria non falan de prestacións senón de carteiras de servizos.

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 29/10/2019 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

A finais do mes de outubro de 2019 deberían estar redactadas as conclusións para afrontar a reforma da Atención Primaria en Galicia. A tal efecto, o Sergas creara o Consello Técnico de Atención Primaria (AP) con quince mesas de traballo. Cada unha delas abordaría puntos concretos de actuación. Todo isto despois das diferentes protestas e reclamacións dos profesionais desta área.

Edificio do Sergas
Edificio do Sergas | Fonte: xunta.gal

Non obstante, un dos colectivos que non se sente representado, e que mesmo sinala non ter sido convidado a ningunha mesa de traballo para a reforma da AP, son os celadores. Consideran que están sendo substituídos en determinadas tarefas polo Persoal de Servizos Xerais (PSX), unha figura que recollería tanto funcións de celador e de persoal administrativo.

CONVOCATORIA

O mércores 30 de outubro a Asociación de Celadores Galegos (ACG) convoca unha concentración diante da consellería de Sanidade por “non termos sido convidados os celadores ás mesas de traballo para a reforma da AP” di Ángel Bergueiro, membro da ACG. Consideran que as xubilacións de celadores non estarían sendo cubertas por persoal da mesma categoría. No seu canto, serían os PSX a categoría profesional que recollería o testemuño dos primeiros.

“Non somos un sindicato, somos un grupo de celadores de toda Galicia que nos temos xuntado, de todas as zonas sanitarias, e creamos a asociacion ACG” di Bergueiro. “Somos nós os que convocamos a manifestación para este mércores día 30 sen participación de sindicatos, supoño que virán a título persoal” sinala o membro da Asociación de Celadores.

Sala de espera do Sergas. XUNTA - Archivo
Sala de espera do Sergas. XUNTA - Archivo

As reunións de celadores comezaron antes do verán para transmitir aos sindicatos a perda de prazas e contratos en AP e Puntos de Atención Continuada (PAC). “Isto foille transmitido aos sindicatos e que non nos teñen axudado, mentiron, asinaron cousas que din non asinaron mais sabemos que si”. Tamén sinalan que “falamos con todos os representantes para participar nas reunións de reforma da AP, mais non fomos chamados como calquera outra categoría do Sergas”. ACG di que non coñecen os motivos polos que non foron convidados. “Unhas veces din que non estamos en prazo, mentira porque temos enviados cartas e solicitudes en prazo para formar parte das mesas e outras veces dinnos que estamos representados polos PSX, e unha categoría non ten que ver coa outra” explica a ACG.

Entre as cuestións que din desde ACG de estar xa asinada é “a substitución dos celadores por unha figura creada hai anos polo Sergas, que son os PSX, sen contar con nós para nada”. A asociación de celadores di terse posto en contacto co Sergas “e din que non vai desaparecer a categoría de celador, que é mentira que estamos desaparecendo de AP e dos PAC”. A asociación insiste que as xubilacións de celadores en PAC e AP son substituidas por PSX.

AS MESAS PARA ATENCIÓN PRIMARIA

Unha das 15 mesas que estudan a reforma da AP, é para PSX, “non é para falar de funcións, senón para falar de carteira de servizos, esa carteira son as prestacións que recibirá a poboación” sinala María Xosé Abuín, da CIG. “Falamos dunha carteira de servizos administrativa, que ten que facer un PSX nun centro de saúde? Desde a tarxeta sanitaria ata a programación de axendas”. Por iso remarca que “nas mesas non se fala de funcións, que é función do celador ou do PSX, nin de postos de traballo, o celador estaría na mesa cando falemos de funcións e de cadros de persoal”.

Desde CCOO din ter coñecemento das queixas da asociación de celadores ao dicir que non foron atendidos por sindicatos e administración. “Temos coñecemento disto, mais soubémolo polos medios de comunicación” di Mily Lamas de CCOO Sanidade. “A nós non se nos dirixiu ningunha asociación de celadores, oficialmente non se nos notificou”. Lamas declara que “temos solicitado a creación dunha mesa sectorial para abordar este tema que sabemos que algunhas xerencias están interesadas en crear conflitos entre celadores, PSX e administrativos”.

Sobre o feito de non estaren presentes nas mesas para a reforma de Atención Primaria, Lamas apunta que a categoría de celador “o decreto de creación de Persoal de Servizos Xerais, onde di que se abordará a creación dun corpo administrativo que traballaría só en Atención Primaria, que reuniría características das dúas categorías de celador e administrativo, só na primaria, o PSX non poden traballar nos hospitais”. Sobre os PACs, “hai celadores nos PAC porque xa estaban e porque veñen de ter a praza”.

O Decreto 160/1996, do 25 de abril, declara que “a introducción desta clase de persoal no decreto obedeceu á consideración da necesidade de dispoñer dun persoal, dalgún xeito polivalente, para prestar servicios nas novas unidades e servicios de atención primaria. Tal persoal aglutinaría funcións, fundamentalmente, das categorías estatutarias de auxiliar da función administrativa e celador”. E engade “as dúas categorías estatutarias sinaladas, de xeito separado e sen a simbiose propugnada, resultan inadecuadas para a prestación de servicios que, por esta clase de persoal, se pretende desenvolver nas aludidas unidades e servicios de atención primaria”.  A Asociación de Celadores Galegos cre que este decreto apunta á substitución profresiva dos celadores dentro do cadro de persoal do Sergas.

Javier Martínez, de UGT Sanidade, declara que non entende moi ben o malestar da ACG cando di que non están representados nas mesas para a reforma da AP. “Hai celadores dentro dos sindicatos, afiliados, cando se convocaron as mesas nós propuxemos unha serie de nomes para formar parte delas, e entre eles había celadores”. Martínez ten dúbidas sobre “quen realmente fixo a selección, se foi o propio Sergas, por exemplo, de todos os membros propostos por UGT só entraron uns poucos”.

“Existe unha división de opinión entre celadores e PSX. Este último foi para unidades de Atención Primaria en centros moi ailladas por unha cuestión práctica, un persoal que puidese ter funcións polivalentes” di Martínez. “O que lle transmitimos ao Sergas é que este persoal non debería estar fóra da Atención Primaria porque non queriamos categorías polivalentes”. Mais insiste en que “cremos que debe ser persoal sanitario, non deben estar no grupo E de agrupacións profesionais, porque fan funcións de persoal sanitario”.

O PSX “creouse para atender a Atención Primaria en centros de saúde moi aillados, é certo, coa intención de que fosen persoal polivalente porque non había unha carga de traballo excesiva neses centros” indica María Xosé Abuín, da CIG. “Agora mesmo hai PSX en todos os centros de AP, mais non fan só o traballo para o que foi creada” debido ao incremento de traballo na sanidade, así esta categoría agora mesmo estaría máis enfocada a tarefas administrativas.

“Os PACs, que é onde está fundamentalmente o conflito, substituiron os Servizos Normais de Urxencia, cun médico, unha enfermeira e un celador” di María Xosé Abuín. “O PAC presta servizo 24 horas, é certo que os PAC absorberon celadores, mais tamén se ampliaron e hai máis carga administrativa”. Abuín cre que non hai vontade de resolver esta cuestión.

“A nosa política é non buscar enfrontamentos con outros grupos ou categorías profesionais, porque iso é o que quere o Sergas” sinala Bergueiro. “Pedimos o que é noso, que un contrato de celador sexa subtituido por un celador e non outra categoría”. Como exemplo da política de contratación que denuncian os celadores “poden saír dúas prazas, unha en UCI e outra en PAC, pois enviarante á UCI”.

“Un celador, xunto coa experiencia que ten desde 1971 cando crearon esta figura, facendo todas as funcións administrativas e recepción de doentes, tanto en primaria e hospitalización” sinala Bergueiro, que insiste “querennos substituír por un persoal que non ten a nosa experiencia, non saben facer unha mobilización, controlan máis a parte administrativa”. O Sergas ten que formar o seu persoal en todas as novas tecnoloxías e novos programas informáticos, isto inclúe aos celadores “por tanto dicir que non temos formación en informática é mentira” di Bergueiro.

CUALIFICACIÓN

Outra das reivindicacións dos celadores é poñer en marcha a Cualificación para este segmento profesional. Dita cualificación significaría subilos de categoría, consideralos persoal sanitario, mais a día de hoxe esta cualificación, aprobada para todo o Estado polo Real Decreto 1790/2011 de 16 de decembro, BOE 19 de xaneiro de 2012. “O desenvolvemento deste decreto é moi importante para nós, ademais de que a categoría PSX non ten equivalente noutras comunidades”.

María Xosé Abuín, di ao respecto do Real Decreto que “ o Instituto Nacional de Cualificaciones (INCUAL) queriamos o nivel 2 para eles porque son persoal sanitario, traballan con doentes, rexeitamos que tivesen o nivel 1”. Mais o Ministerio de Sanidade non ten por que esixir esa cualificación, aínda que o Ministerio de Educación si a teña recollida no Real Decreto. “Subir ao nivel 2 suporía pagar salarios máis elevados”.

“Cando se aprobou o estatuto básico do empregado público, viña unha disposición transitoria onde di que haberá que desenvolver competencias profesionais”, sinala Mily Lamas. “Non se desenvolveron, quedaron pendentes para que o Goberno o fixera, aínda non se fixo”. Existe, segundo Lamas, a necesidade de actualizar as cualificacións en España despois de terse aplicado o Plan Bolonia. “O INCUAL encadrou os celadores pola súa titulación, dentro do nivel 1, persoal non sanitarios, e agora mesmo iso non ten sentido, porque traballan directo con doentes, e eles piden maior cualificación profesional”.

Javier Martínez remarca que “cremos que debe ser persoal sanitario, non deben estar no grupo E de agrupacións profesionais, porque fan funcións de persoal sanitario”. Con todo sinala a necesidade de manter claras as funcións de cada categoría profesional porque “ás veces se producen un solapamento de funcións entre celadores e PSX, así que hai que marcar cales son as funcións de cada quen, non hai que botar a ninguén”.

Sergas . REMITIDA
Sergas . REMITIDA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 12 comentarios

1 Dr Bacterio

E os sindicatos, todos, apoiando que os celadores desaparezan de Atención Primaria e PACs. VERGOÑENTO¡¡¡

1 Manuel2019

La categoría de Personal de Servicios Generales(PSG) fue creada para aglutinar las funciones de Celador y auxiliar administrativo en Atención Primaria. Los PSG saben movilizar pacientes igual que un celador porque así se les exige en su temario de oposiciones y además sabe informática y legislación administrativa de la cual carecen los celadores. Por tanto, es lógico que se cubra un puesto con la categoría más cualificada: PSG, que llevan más de 20 años trabajando en la Sanidad Pública Gallega .