Veciños de Teo protestan contra as primeiras voaduras na canteira de Casalonga

Casalonga Limpa de Residuos sospeita que "o obxectivo" de Toysal é "acabar" co ecosistema da lagoa e instaurar un "macrovertedoiro".

Por Europa Press / Redacción | Teo | 29/10/2019 | Actualizada ás 17:40

Comparte esta noticia

Veciños de Teo (A Coruña) acudiron este martes ás inmediacións da antiga canteira de Casalonga para protestar e tentar impedir o inicio das voaduras da empresa de residuos Toysal, que finalmente se produciron.

Lagoa da canteira de Casalonga
Lagoa da canteira de Casalonga | Fonte: Casalonga Limpa de Residuos

José Antonio Ferreira, un dos membros da plataforma Casalonga Limpa de Residuos, explicou que aínda que "non había convocada" ningunha manifestación para a mañá deste martes, xa "sabían" que se ían producir esas primeiras explosións "sen autorización" e por iso houbo varios veciños que decidiron achegarse.

Tal e como relata o membro da plataforma, os axentes do Instituto Armado "desaloxaron" a zona "ao redor das 10,30 e 10,45", tras o cal comezaron as detonacións.

"Os máis de cen veciños que estaban alí non daban crédito", manifestou Ferreira, quen relatou como as pedras resultantes das explosións, que parecían pesar "varias toneladas", acabaron caendo á lagoa. "Cremos que era o obxectivo que tiñan", consideran, á vez que acusan a Toysal de pretender instaurar alí un "macrovertedoiro".

"É incrible que a empresa que vai ter a explotación da canteira inicie as voaduras sen ter unha esmagadora, nin un camión, nin unha escavadora, nin persoal contratado nin unha caseta de obras", criticou.

Os veciños deducen que "o inimigo" para a empresa é a lagoa de Casalonga, unha lagoa artificial que, con todo, "se rexenerou moi ben e de forma natural" tras a paralización dos traballos da antiga canteira. "Todo iso é algo a preservar", reivindicou Ferreira.

Segundo denuncia Casalonga Limpa de Residuos, os permisos cos que contan para a actividade foron outorgados "todos hai dez anos sen ningún tipo de revisión" por parte da Consellería de Medio Ambiente. Con todo, a Xunta dilles "que todos os papeis están ben". "Pero non nos explican por que", engadiu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta