A falta de recursos, a privatización e a precarización da sanidade, principais diferencias entre Xunta e profesionais

A Consellería de Sanidade e os profesionais e os sindicatos buscan acordar posturas sobre o futuro da sanidade pública no Consello Técnico de Atención Primaria. Un órgano que naceu logo das numerosas protestas e folgas no sector. Pero este órgano segue moi lonxe de acadar acordos que beneficien á sanidade pública.

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 30/10/2019 | Actualizada ás 14:48

Comparte esta noticia

As necesidades que ten actualmente a Atención Primaria foron o detonante das diferentes protestas dos colectivos profesionais. Unhas protestas e manifestacións que derivaron en varias folgas e protestas. As políticas de recortes emprendidas desde a Xunta de Núñez Feijóo, así como os recortes que chegaron cos gobernos de Rajoy, foron creando un clima social e profesional que reclamaba unha mellora integral do sistema. Sanidade respostou co Consello Técnico de Atención Primaria (CTAP),  un órgano que dividiu en 15 mesas para cada sección ou área da AP.

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña,  coa subdirectora xeral de Farmacia do Sergas, Carolina González-Criado
O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, coa subdirectora xeral de Farmacia do Sergas, Carolina González-Criado | Fonte: xunta.gal

Os resultados deste consello terían que verse xa a finais do mes de outubro ou comezos de novembro. A falta de oposicións para novos facultativos e persoal especializado, a reforma das xerencias e a súa substitución polas EOXI, a precarización e a falta de medios na sanidade pública son os principais problemas que enfrontan a profesionais e Xunta.

PRIVATIZACIÓNS

Unha das principais cuestións abordada nesta mesa é a cuestión orzamentaria para dedicar a contratación e mellora do Sergas. Unha cuestión trascendental, segundo os profesionais, para manter a "calidade" da sanidade pública. Pero a proposta da Xunta “ten trampa”, segundo din os sindicatos. “Se hai aumento de partida orzamentaria é porque unha boa parte vai para pagar os servizos que se privatizaron”, aclara María Xosé Abuín, da CIG.

Se se deixa de investir en Atención Primaria, en persoal, “porque Atención Primaria é fundamentalmente persoal e educación sanitaria e prevención, se se deixa de investir nela satura”, apunta Javier Martínez, de UGT. A cuestión é obvia a estas alturas, por que? “Por que non hai vontade política para resolver esta cuestión”, preguntase Martínez. A vontade política fai pensar en que a externalización ou privatización de servizos é o obxectivo final de todo o que acontece na sanidade.

Consello de Atención Primaria
Consello de Atención Primaria | Fonte: Xunta

Desde cando hai tantos seguros sanitarios en Galicia? Agora, porque ofrecen cousas que a Atención Primaria non pode dar por falta de medios, médicos e capacidade resolutiva” aclara Martínez. Así, outra das consecuencias son “as grandes multinacionais da sanidade que están a aparcar no noso país, como o caso de Povisa e esperemos que as multinacionais non reclamen tamén Atención Primaria ademais da atención especializada”. O outro exemplo, o Hospital Álvaro Cunqueiro, para Martínez foi “rizar o rizo, ese hospital non é do Sergas, é da UTE que o xestiona, e cando o integren á sanidade pública logo de telo amortizado, ao mellor xa non serve para nada e costou dez veces máis que se se fixera desde o sector público”.

AS TAXAS DE REPOSICIÓN

Outro dos conflitos entre profesionais e Xunta son as taxas de reposición. Foron tamén motivos económicos os que permitiron o nacemento destas taxas?. Os sindicatos téñeno claro. “Si, son razóns económicas. En 2012, cando se publicou a lei de racionalización do sector público a nivel estatal, limitaron o emprego público en todos os sectores e así pareceu a taxa de reposición”, sinala Mily Lamas, de CC.OO. “A taxa de reposición este ano en total é de 105% para as comunidades que cumprisen as regras de gasto”.

En novembro teríase que coñecer o resultado dos traballaos de 15 mesas do Consello Técnico de Atención Primaria. O que máis apuro ten é cubrir prazas aínda que sexan con interinidades, resolver cuestións técnicas, burocráticas e que a Atención Primaria sexa resolutiva, ofreza solucións aos pacientes.

Outras cuestións que non se están a abordar nese Consello Técnico da Atención Primaria son as relativas á creación de postos ou de Recursos Humanos. “Iso está dentro da súa mesa sectorial de negociación entre Sergas e sindicatos, porque é competencia deles” sinala María Xosé Abuín, da CIG. A mesma sindicalista insiste en que levan tempo pedindo unha reorganización de RR HH, para identificar carencias e buscar solucións, ademais de saber cantos profesionais se xubiliarán nos vindeiros cinco anos.

PRECARIZACIÓN

A partir de 2015 a taxa pasou ser do 50%, agora mesmo estase no 100%. Ese 100% non corresponde a todas as prazas vacantes creadas desde 2010, senón unicamente ao 100% das prazas vacantes do ano anterior. Con que aínda existe un número importante de vacantes que non foron repostas.

O certo é que as prazas vacantes, segundo denuncias as forzas sindicais, están sendo cubertas con contratacións mes a mes, contratacións precarias, cando en moitos casos, deberan estar ocupadas con interinidades. Aínda así, a OPE non é a solución definitiva como sinala Mily Lamas de CC OO Sanidade. 

A falta de reposición, a contratación en precario e a falta de OPE son consecuencia, para as forzas sindicais, da época en que foi conselleira Rocío Mosquera, “que se dedicou a destruír o maior número de empregos posible”. A actuación de Mosquera correspondía a un plan entre os anos 2012-2013 para xubilar todos os médicos e médicas que cumprisen os 65 anos. Mais non se solicitou o número de prazas MIR para substituilos. O conselleiro Vázquez Almuíña prolongou a vida laboral ata os setenta. “Logo entráronlle as présas para pedir a Madrid, porque agora goberna o PSOE, máis prazas de médicos MIR” remata Abuín.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 4 comentarios

3 Cervantes

Tirolalira: Vostede debe ser directivo do Sergas

2 Un que sabe

Nesa comisiòn non está representado o colectivo de celadores

1 tirolalira

Os Celadores teñen que pasar a unha sala do MPG como Especie en Vias de Extinción (por Inutilidade) da que tampouco se notará moito a sú falta........

1 Gamela

Onde anda metida Rocío Mosquera? https://gl.wikipedia.org/wiki/Roc%C...