Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/11/2019 | Actualizada ás 10:42
Urxencias Sanitarias de Galicia-061 atendeu a 136 persoas debido a 96 accidentes de tráfico rexistrados na rede viaria galega durante a ponte de Todos os Santos, das que cinco faleceron.
Segundo informou o 061, a Central de Coordinación recibiu entre as 15,00 horas do xoves 31 de outubro e as 23,59 horas do domingo 3 de novembro un total de 126 chamadas en relación cos accidentes de tráfico. As xornadas con máis incidentes foron as do xoves e venres, con 27 sinistros en ambas.
Os recursos sanitarios mobilizados polo 061 durante a ponte ascenderon a 121. En concreto, as ambulancias realizaron 112 saídas; o helicóptero medicalizado atendeu en dúas ocasións; e os equipos sanitarios de Atención Primaria prestaron asistencia en sete accidentes.
En 112 casos os feridos foron levados aos centros sanitarios correspondentes; en 19 ocasións recibiron atención no lugar do accidente e cinco persoas morreron no punto do sinistro.
A proporción de homes atendida ascendeu ao 57 por cento e a de mulleres situouse no 43%. En canto ás idades dos feridos, o 32 por cento dos asistidos tiña entre os 20 e 34 anos.
Por provincias, a de Pontevedra foi a que rexistrou máis accidentes durante os desprazamentos da ponte, con 41; seguida da Coruña, con 38; Ourense, con 11; e Lugo, con seis.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.