Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 08/11/2019 | Actualizada ás 14:00
As eleccións son un momento en que se pode testar o sistema electoral dun país, tanto para os cidadáns que residen de maneira permanente dentro das súas fronteiras, como para os que residen fóra dese país e queren exercer o seu dereito a votar. Un bo sistema permitiría a participación cando menos dun número elevado de electores, ademais de indicar prácticas democráticas sás e sen obstáculos aos residentes no estranxeiro.
O problema xurde cando son moitas as persoas que viven fóra do seu país e que se queixan de trámites alongados no tempo, indicación de erros no voto por correo cando toda a documentación está correctamente acreditada, ou cando o mesmo servizo consular acaba por ser un elemento desalentador e fai que as persoas potencialmente votantes, decidan non exercer o seu dereito por desánimo. Recollemos algúns testemuños de persoas que viven fóra de Galicia e que bateron coa burocracia consular electoral nalgún momento.
RESIDENCIA E BUROCRACIA
A residencia no estranxeiro non debera ser un impedimento para votar en calquera tipo de elección, ben autonómica, municipal ou estatal. Con ese obxectivo naceu o Censo Electoral de Residentes Ausentes, (CERA), para nacionais españois que residisen fóra do territorio español. Así o di o Real Decreto 1621/2007, de 7 de decembro:
Poderán acollerse ao procedemento regulado no presente real decreto aqueles electores que reúnan os seguintes requisitos:
1. Atoparse temporalmente fóra do territorio nacional unha vez efectuada a convocatoria dun proceso electoral, e que preveñan permanecer nesta situación ata o día da votación.
2. 2. Figurar rexistrados no Rexistro de Matrícula Consular como non residentes.
A inscrición dentro do CERA é obrigatoria se un cidadán español xa está dentro do Rexistro de Matrícula Consular alí onde resida. Se non se está rexistrado no CERA, a persoa interesada debe presentarse no Servizo do Censo do Consulado e formalizar a súa inclusión, sinalando a provincia e concello a onde quere estar adscrito e tamén, comunicar calquera cambio de domicilio para facer as modificacións oportunas.
Ademais dos dous puntos anteriores, para figurar dentro do censo de residentes ausentes, hai que ser maior de idade e residir de maneira regular no estranxeiro. O mesmo decreto 1621/2007 é válido para aquelas persoas que vivan fóra do territorio español de maneira temporal. A residencia temporal fóra do Estado obriga ás persoas baixo esta condición a “solicitar o envío da documentación para exercitar o seu dereito de sufraxio á Oficina do Censo Electoral da provincia onde consten inscritos en España, seguindo a instrucións que lle indicarán no mesmo envío”.
E dentro do propio estado? Se non estou no meu concello, onde está a mesa electoral que teño asignada, que? Pois ir á oficina de Correos que se teña máis perto, pedir os papeis para votar. Hai que pedir un certificado do Censo que se pode pedir tamén nas oficinas de Correos. Cando cheguen as papeletas, deberá entregarse o voto normalmente, ata dous días antes da data electoral.
RESIDENTES AUSENTES, MAIS NON VOTANTES
Gabriel Rei vive en Estados Unidos, desde alí conta que estas eleccións si quería votar, mais un cambio de domicilio lle impide exercer o seu dereito “Enviáronme unha carta ao enderezo anterior, e se é así, xa non ten tempo de enviárencho ao novo enderezo”. Tamén apunta que “levaba como dúas ou tres eleccións sen votar, o ano pasado pillárame fóra do lugar habitual de residencia, como estaba noutro estado, Colorado, xa non podía votar”.
As polémicas arredor do voto emigrante, de se houbo votos co nome de persoas xa falecidas e outras presuntas fraudes, obrigaron a facer modificacións na lei electoral. Con todo, existe unha sensanción de desidia por parte do persoal burocrático dos consulados. Esa percepción de desidia crea unha sensación de que “non queren facer nada para que se poda votar”. Gabriel Rei cre que este tipo de actuacións, ademais do sistema de voto rogado “desconecta ás persoas dos procesos electorais”.
Xavier Carriba leva catro anos e medio en Londres. Quixo rexistrarse no consulado e cando veu a lista de espera por seis meses, decidiu non facelo. “Decidín coller avións para votar, ademais, a maioría de españois en Londres non están rexistrados polo tempo de espera e o complicado que é”. Co Bréxit chamando á porta, quixo inscribirse e toulle o verán pasado, mais coas eleccións para o 10 N, quedou fóra da convocatoria. Non reclamou por motivos laborais e agora non pode votar nin desde a capital británica nin indo a Compostela en persoa.
Dentro do seu ambiente laboral “multinacional” decatouse que é moi normal que os cidadáns de países occidentais estean informados dos procesos electorais, ademais de que votar desde o estranxeiro para estas persoas é doado e simple. Pola contra “os cidadáns do Estado español temos que "rogar" polo voto e estar pendentes de todo porque non imos ser informados”.
Xavier denuncia tamén que as posibilidades de participación politica ou exercer calqueira dereito como cidadán son moi precarias. “Os servizos do consulado estan totalmente desbordados xa que carecen dos medios necesarios para prover os servizos mínimos para unha comunidade migrante tan grande como a de Londres”. Sobre os partidos políticos, “coa excepción de Podemos e BNG, non se dirixen á comunidade migrante nin a ven como un obxectivo electoral”.
María Golpe vive en Irlanda desde hai case quince anos. Cando lle preguntamos a súa experiencia para as eleccións do 10N contesta que “desta vez foi mais sinxelo porque ao ser a segunda vez este ano non houbo que solicitar o voto entón chegaron as papeletas xa directamente”.
Non obstante, o feito de ter que pedir o voto pode levar a retrasos “por exemplo se non estás na casa uns días”, porque a marxe é bastante curta e non hai tempo para rectificar se hai algún revés. Ao estar rexistrada como residente na embaixada “o proceso pode que sexa un pouco máis sinxelo xa que os datos xa están rexistrados (CERA)”.
Diego Barros vive en Estados Unidos tamén. Considera que a súa experiencia como integrante do CERA é como a de calquera outra persoa nas súas circunstancias. Non obstante, sinala que “eu vivo nunha cidade con consulado o que simplifica as cousas”. Isto significa que as papeletas “chegan porque as envía o consulado”.
“Que eu lembre nas últimas eleccións, as únicas que non me chegaron foron as das europeas”. E pola contra “a un amigo que vive no mesmo vecindario ca min chegáronlle as das europeas mais non as das xerais”. Diego segue co exemplo das papeletas indicando que ten amigos que viven “en Georgia aos que nunca lles chegaron unhas papeletas, o consulado máis cercano é o de Miami”.
Finalmente conclúe que “votar como membro do CERA é xogar a unha especie de lotería onde depende de onde vivas tes máis ou menos números para saír premiado”. "Non é ningún segredo que a ningún dos dous grandes partidos lle interesa arranxar o sistema”, remata criticando que non se teñan mellorado as cousas coa tecnoloxía actual.
MÁIS DE CORENTA MIL VOTOS POR CORREO
Dos 2.698.648 galegos chamados a votar este domingo nas Cortes Xerais, 44.301 xa o fixeron a través de Correos desde o 21 de outubro, cando se abriu o prazo para enviar o voto, ata o xoves 7 de novembro. Segundo a administración de envío postal, as cifras de participación por correo aínda non son definitivas, xa que o prazo de envío estivo aberto ata as 14,00 horas deste venres.
Polo momento, 44.301 persoas que xa depositaron en Correos o seu voto, que están listos para chegar ás mesas electorais o domingo. Alí sumaranse ao resto de papeletas que decidirán os 23 deputados e 16 senadores que representarán a Galicia nas Cortes. Por provincias, a Sociedade Estatal xa ten en custodia 16.854 na Coruña, 14.409 en Pontevedra, 7.108 en Ourense e 5.930 votos na demarcación lucense.
Na Comunidade galega, como no resto de España, os índices de participación a través deste medio diminuíu con respecto ao pasado 28 de abril. Naqueles comicios, 50.942 galegos xa enviaran as súas papeletas ás urnas a día 25 de abril.
738.653 VOTOS EN ESPAÑA
En canto ao conxunto estatal, 900.188 cidadáns enviaron o seu voto por correspondencia, dos que 738.653 xa están custodiados por Correos. Igual que no caso galego, a esta cifra haberá que sumar todos aqueles que se recibiron durante este venres.
O día 10 de novembro Correos distribuirá os votos nas 59.555 mesas electorais dos 22.862 municipios do territorio nacional. Despois, a administración tamén terá que recoller unha copia da acta unha vez finalizado o escrutinio, para cumprir co establecido pola Xunta Electoral.
A diferenza doutras ocasións, ata o pasado 31 de outubro, 918.455 cidadáns pediran esta modalidade de voto. Nos pasados comicios tramitáronse máis de 1,33 millóns de solicitudes, unha cifra que nas eleccións de xuño foi mesmo máis alta e chegou aos 1,46 millóns.
REFORZO DE CORREOS
Para este proceso electoral, Correos explicou como reforza o seu servizo. Contratáronse a 4.050 traballadores que se dedicarán aos recursos organizativos, tecnolóxicos, materiais e humanos necesarios para "garantir o cumprimento das obrigacións do servizo público".
As oficinas postais abriron en festivos locais, o domingo 3 de novembro e ampliaron os horarios durante esta semana á espera dunha "maior afluencia de votantes". Neste sentido, a institución confirmou que o proceso do voto por correo desenvolveuse con total normalidade.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.