Por Galicia Confidencial | Compostela | 10/11/2019 | Actualizada ás 23:29
A portavoz de En Común-Unidas Podemos, Yolanda Díaz, sostivo este domingo que os resultados das eleccións do 10 de novembro demostraron que esta foi unha "repetición inútil" que en Galicia só serviu para que en Galicia o PP recuperase a posición de primeira forza.
"Desde o 28 de abril diciamos que esta era a repetición electoral máis inútil e o tempo deunos a razón" en que o PSOE de Pedro Sánchez cometeu unha "irresponsabilidade e inutilidade" xa que non conseguiu mellorar o seu resultado.
Galicia en Común conseguiu reter as dúas actas da Coruña (Antón Gómez-Reino) e Pontevedra (Yolanda Díaz) pero deixouse máis de 50.000 votos polo camiño desde as eleccións do pasado abril e un 2 % dos votos.
Yolanda Díaz achacou este feito á fragmentación da "esquerda" xa que a candidatura de máis País, encabezada en Galicia por Carolina Bescansa, non conseguiu representación electoral pero si recibiu máis de 21.000 votos do espectro da esquerda. "Dixemos en campaña que a fragmentación da esquerda non axudaba" xa que os votos perdidos son os que "conseguen outras forzas que non conseguen representación", remarcou.
Con todo, Díaz celebrou que "afortunadamente o bloque progresista supera ao bloque das dereitas" a nivel estatal a pesar da "moi mala noticia" que ao seu xuízo supón o ascenso de Vox e o "crecemento da extrema dereita" que, tamén foi auspiciado por un "PSOE que quixo polarizar".
AS AUTONÓMICAS
A representante de En Común-Unidas Podemos remarcou que a súa formación é a "terceira forza en Galicia" e ese debe ser un aspecto a ter en conta para as próximas eleccións autonómicas de setembro. Co escenario próximo das eleccións galegas, Díaz ve necesario facer un chamamento ao PSdeG para que tome posicións dentro do seo socialista e non permita acordos coa dereita.
"Se o PSOE decide chegar a un acordo de lexislatura co PP, o PSdeG non vai estar nunha boa posición en Galicia" de cara aos comicios autonómicos, advertiu a deputada electa. Por iso, o desexo de En Común é a conformación dun goberno de coalición que tamén poida trasladarse á Xunta de Galicia o próximo outono.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.