Galicia, sitio distinto

As eleccións estatais do domingo amosaron que Galicia é sitio distinto. Porque, malia partillar dalgunhas das tendencias xerais, o noso mapa electoral presentou características diferentes.

Por X.A. Pérez-Lema | A Coruña | 11/11/2019

Comparte esta noticia
Na Galicia o mapa de escanos do 28-A (10 PSdeG, 9 PP, 2 a franquía de Podemos e 2 Cs) sofre dúas modificacións por mor da perda por Cs da súa representación, obtendo un escano PP (que empata a 10  cos socialistas, acadando un-31,9%  fronte ao 31,25% do PSdeG ) e o outro o BNG. Velaí que o 10-N tres das seis forzas estatais representadas no Congreso (Cs, Vox e Más País) non obteñan representación.
 
O BNG acadou un 8,2%, obtendo case 120.000 votos, 26.000 máis ca en abril, malia a baixa da participación. Chegou a case os dous terzos dos votos  de En Común-Podemos, que quitou case dous pontos menos ca en abril. Tendo en conta as diferenzas  entre estatais e galegas apúntase como hipótese probábel o claro sorpasso dos soberanistas a respecto da esquerda rupturista española nas eleccións de 2020.
 
A suba do BNG e o meirande suceso do PP en apañar os votos perdidos polo Cs impediron que Galicia partillase o xeral empoleiramento do extremismo xenófobo, antifeminista e antigalego de Abascal. Moito do electorado galego das dereitas demostrou ser refractario a semellante mensaxe e, deste xeito, Galicia (que representa o 5,5% da poboación do Estado) só achega o 3% dos 3,6 millóns de persoas que votaron Vox o domingo. 
 
O PP volta ser primeira forza electoral deste país, malia que case empate co PSdeG e que ésta gañe amplamente nas áreas urbanas de Vigo e A Coruña e nas principais cidades. Porén, os votos ás tres forzas da dereita acadaron un 44,1% fronte ao 54,4% das forzas do centroesquerda.  A menos dun ano das eleccións galegas semella  que unha alternativa plural poderá substituir ao PP en San Caetano o vindeiro 2020.
 
No camiño cara estas eleccións galegas de 2020, o soberanismo galego habería alargar substancialmente o seu apoio electoral.  Desta volta funcionou a tensión  e bó facer da  base electoral e militante do BNG, mais tamén o pulo extramuros do pacto con CXG e do apoio de  persoeiros e sectores sociais vencellados no pasado, quer  co propio BNG, quer con En Marea. De certo que a relevancia do soberanismo na solución á ecuación de 2020 estará na adopción de fórmulas flexíbeis  de integración que lle permitan recoller toda a súa pluralidade política e social e maximizar os seus apoios.
 

Mapa do mundo
Mapa do mundo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xoán Antón Pérez Lema Licenciado en Dereito e graduado en Administración de Empresas. Leva exercendo a avogacía máis de vinte anos e dirixe o seu propio despacho n’A Coruña, con nomeada adicación ao Dereito Administrativo e Mercantil . Foi profesor da Escola de Práctica Xurídica do Colexio de Avogados coruñés e da Facultade de Ciencias Sociais da Universidade de Vigio. Arestora imparte a docencia no primeiro programa de asesoría xurídica de empresa que se desenvolve en Galicia, no Instituto de Finanzas e Formación Empresarial (IFFE).Publicou varios traballos sobre temática xurídica. Foi xefe de gabinete do Conselleiro da Presidencia Pablo González Mariñas, sendo Presidente Fernando González Laxe e secretario xeral de Relacións Institucionais na Vicepresidencia da Xunta ás ordes de Anxo Quintana (2007-2009). Fpoi asesor xurídico do Consello da Xuventude de Galicia (1991-1997) e tivo unha intensa actividade na defensa penal de obxectores e insumisos até que se acadou a supresión do servizo militar obrigatorio. Colaborador da Radio Galega e da TVG e de varios xornais, revistas e emisoras de Radio e TV galegas.