Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/11/2019 | Actualizada ás 15:34
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, debullou este xoves un informe sobre o cumprimento en Galicia do Pacto de Estado contra a Violencia Machista que, segundo remarcou, ratifica que "o cento por cento" de medidas deste acordo está en desenvolvemento na comunidade.
"Todas as accións previstas para este ano están xa finalizadas ou en execución excepto unha, programada para levala a cabo antes de que finalice o ano", aseverou Feijóo, antes de engadir que "catro de cada cinco euros xa está en execución" e prevese executar "todo o orzamento" --16 millóns de euros, dos que 13 están executados--.
Nesta liña, remarcou que a achega do Pacto de Estado contra a violencia machista é duns 8 millóns de euros ao ano, aínda que nesta ocasión, ao consignado en 2019 sumouse gran parte do orzamento previsto para o ano anterior, xa que o crédito de 2018 non foi transferido polo Estado ata finais de ano. E as comunidades dispoñen, ademais, ata marzo para poder xustificar os fondos, polo que está previsto que se execute na súa totalidade o investimento previsto.
Feijóo ratificou que Galicia xa tiña implantadas con anterioridade unha boa parte das 115 medidas autonómicas que incluía o documento. A modo de exemplo aludiu ás prestacións periódicas ás vítimas, á "ampla" rede autonómica de centros de información á muller --un total de 82--, ao seis centros de acollida, e aos case un centenar de profesionais formados para a asistencia psicolóxica integral de mulleres vítimas e menores.
PLAN PARA 2020
Do mesmo xeito, reivindicou o impulso de medidas novas como o apoio integral a menores orfos por violencia machista, a habilitación do apoio económico e social ás vítimas gravemente feridas e a posta en marcha das quendas de garda psicolóxica e social.
Ao tempo, esgrimiu que o obxectivo é seguir traballando con novas medidas e "reforzando" as que xa están en marcha. En concreto, avanzou que en 2020 está previsto implementar un Plan estratéxico que avance cara á plena comunicación e coordinación entre as administracións públicas, a posta en marcha de novos centros de acollemento ou o impulso da formación dos profesionais.
Tamén se porá o foco no traballo con menores agresores; e continuarase promovendo medidas para loitar contra outras formas de violencia contra as mulleres como agresións sexuais, acoso ou trata de mulleres e nenas con fins de explotación sexual. "Creo que estamos a executar o programa con rigor", reivindicou Feijóo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.