Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/11/2019 | Actualizada ás 15:32
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, reclamou cambios que sexan "graduais" e "xustos" para mitigar os efectos do cambio climático. Neste sentido, criticou as "declaracións improvisadas" sobre o diésel por parte do Goberno central que "están a afectar a industria do automóbil".
Así o manifestou o máximo mandatario galego este venres, durante a clausura da presentación da Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía 2050 no Edificio CINC da Cidade da Cultura, en Santiago. Trátase dunha folla de ruta que, en palabras de Feijóo, converte a Galicia "nunha das primeiras" comunidades en aprobar unha guía contra o efecto invernadoiro. Durante a xornada tamén interveu, entre outros, a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez.
Neste contexto, asegurou que a Xunta "quere que cada vez máis xente se una á causa", para o que propón "unha transición que ten que ser unha transición, un cambio de forma gradual".
"Cando adoptas unha decisión improvisada, no canto de ir paseniño e de forma gradual collendo adeptos, o que estás a provocar é unha reacción adversa", declarou, tras cargar contra as "declaracións improvisadas" sobre o diésel por parte do Goberno do Estado, presidido polo socialista Pedro Sánchez.
Así, Feijóo apostou por "deixar de confrontar" e "colaborar", porque a loita contra o esta crise climática "convoca ás administracións públicas, cada unha no seu ámbito competencial". "Isto é unha suma de todos", recalcou.
De acordo co presidente da Xunta, o peso de Galicia nas emisións de gases de efecto invernadoiro baixou do 10,2 ao 8,6 por cento desde 1990 ata 2016. Fronte a estes datos, España "incrementou" as súas emisións, afirmou.
A Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía da Administración galega ten o obxectivo de alcanzar a "neutralidade" climática para o ano 2050 conforme ás directrices da Unión Europea. Para iso, explicou Feijóo, resulta "imprescindible" o papel de axentes como a comunidade investigadora, a sociedade, e os concellos.
Sobre este último punto, destacou que aínda que os consistorios son "responsables" da xestión de residuos, a Xunta puxo en marcha varias liñas de axudas para entidades locais por valor de 3 millóns de euros para mellorar o tratamento de refugallos domésticos. Ademais, o proxecto de orzamentos de 2020 xa reserva unha partida de 8,3 millóns destinada á xestión de residuos urbanos.
"REDUCIÓN VERDE" DO IRPF
Así mesmo, Feijóo confirmou a posta en marcha de medidas como unha "redución verde" do IRPF para bonificar ata o 15 por cento das actuacións para mellorar a eficiencia enerxética das vivendas, así como a implantación dunha estratexia de biomasa térmica, técnica coa que xa contan as oficinas da Xunta en San Caetano (Santiago) e os grandes hospitais de Galicia.
A maiores, o titular do Goberno galego subliñou que para 2020 está previsto que se aprobe a Lei galega de residuos e chans contaminados e que se elabore a 'Axenda 2030' de Galicia, "un plan de acción a favor das persoas, do planeta e da prosperidade a través de 17 obxectivos de desenvolvemento sustentable". "A nosa vocación é que as xeracións futuras poidan gozar dunha Galicia máis verde", sinalou.
Neste contexto, Feijóo precisou que estas liñas de acción se concentrarán nun plan rexional integrado de enerxía e clima que "se redefinirá e actualizará" cada cinco anos. O primeiro, para o período 2019-2023 "xa está en marcha" —incidiu— con 170 iniciativas transversais e cun investimento de máis de 1.250 millóns.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.