Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 21/11/2019 | Actualizada ás 15:06
"Preocúpame máis Tui que Gürtel", respondía Feijóo hai pouco máis dun ano cando o ex tesoureiro do PP, Luis Bárcenas, era condenado no caso Gürtell por financiamento irregular do Partido Popular. "Non foi un tesoureiro exemplar e puido contaminar o PP, e iso reflícteo a sentenza", dicía.
O titular da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, reducía todo o problema a unha persoa e non ao conxunto do seu partido, nin tan sequera, ao PP de Madrid. Pero un ano despois, e logo de coñecerse a sentencia dos ERE, quixo responsabilizar do acontecido "a todo o aparello do PSOE". Iso, si, foi antes de que lle lembraran o caso Gürtell e que que contestara que non quería que parecera "un y tu más".
Feijóo cualificou de "demoledora" unha sentenza que suma "250 anos de inhabilitación e máis de 60 de cárcere", á vez que erixiu o dos ERE no "maior caso de corrupción política" da democracia en España. Ao seu modo de ver, con esta sentenza, "o Pedro Sánchez de 2018 teríalle que pór unha moción de censura ao señor Sánchez de 2019".
Precisamente, preguntado acerca de se Sánchez debe dar un paso atrás, o tamén líder do PP galego lembrou que o dirixente socialista foi "moi contundente" e deixou a decisión "ao seu criterio". Iso si, advertiu que, "como mínimo", a situación esixe "unha explicación clara" e "unha desculpa por todo o roubado".
GRIÑÁN
O único que saíu ben parado nas súas críticas foi o expresidente José Antonio Griñán, a quen considerou "unha vítima" dun sistema articulado polo PSOE "para manterse no Goberno" da comunidade andaluza durante "unha década de prevaricación e malversación de fondos públicos".
"Síntoo por Griñán, paréceme que é unha persoa que non se caracteriza por ser corrupta, pero é unha vítima do aparello do PSOE. Esta sentenza, máis que a persoas, afecta a toda a estrutura do PSOE durante unha década como mínimo porque hai pezas separadas. Está detrás unha forma de facer política durante 40 anos e paréceme que o paga Griñán", sentenciou, tras a reunión semanal do seu Executivo.
GÜRTELL
En canto á 'Gürtel', rexeitou caer no "y tú más", pero salientou que Sánchez presentou a moción de censura contra o popular Mariano Rajoy en relación a un fallo xudicial que non afectaba a ningún dos membros que entón compuñan o Consello de Ministros.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.