Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/11/2019 | Actualizada ás 20:23
A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) reclamaron que se manteñan o próximo ano os orzamentos do Centro Dramático Galego (CDG) e do Centro Coreográfico Galego (CCG), dúas institucións "maltratadas e desmanteladas na última década pola Xunta".
Tamén lamentan o "recorte" que se prevé aplicar ao Centro Galego das Artes da Imaxe (CGAI) nos orzamentos da Xunta para 2020, que se tramitan no Parlamento galego.
Así, alertan dunha baixada no investimento real da Consellería de Cultura de 600.000 a 350.000 euros no CDG en 2020; así como no CCG, ao pasar de 150.000 a 50.000 euros; e no CGAI, con dúas partidas que descenden de 165.000 a 132.000 euros.
Apuntan que estes recortes foron denunciados esta semana no Parlamento pola deputada do BNG Olalla Rodil, pero a resposta do conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, "non resultou nin clarificadora nin tranquilizadora en ningún caso".
Ademais, a AAAG mostra a súa "perplexidade" polo anuncio no Parlamento do conselleiro de Cultura dun novo estatuto para a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), que "se realizou de costas ao sector e obviando ao tecido asociativo profesional".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.