A realidade da sanidade: os médicos de Primaria en folga para denunciar a "crise asistencial" que vive Galicia

Din que non poden "atender a demanda" e que a Xunta "traballan moito coa publicidade" nos medios. Concéntranse para que se implanten "dunha vez medidas" na "realidade cotiá". O Sergas insiste en que o seu Plan de Atención de Primaria suporá incorporar máis de 300 profesionais en centros de saúde.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/11/2019 | Actualizada ás 13:46

Comparte esta noticia

Médicos de Atención Primaria de Galicia en folga concentráronse este mércores diante de centros de saúde da Comunidade galega, con motivo das dúas xornadas de folga convocadas este 27 e 28 de novembro, para reclamar que se implante "dunha vez medidas" que se reflictan na "realidade cotiá" das súas consultas co fin de mellorar este nivel asistencial.

En declaracións aos medios, o médico de Atención Primaria Jesús Sueiro, como portavoz dos convocantes na concentración no Centro de Saúde Concepción Arenal en Santiago, admitiu que hai "disparidade" de seguimento entre as áreas, con "bastante" apoio nas de Vigo e Pontevedra, cun 80% de apoio, e o resto "entre un 40 e 60%".

Na concentración, sumáronse a médicos de Santiago de Compostela en folga outros chegados de centros de saúde de localidades próximas á capital galega como A Estrada, Porto do Son, Vedra, Milladoiro e Ordes, así como compañeiros de Puntos de Atención Continuada (PAC). Este mércores leváronse a cabo concentracións noutras localidades galegas.

Na protesta na capital galega, con decenas de facultativos vestidos con batas brancas, mostraron carteis nos que se podían ler lemas como 'Por unha atención digna', '10 minutos por consulta, 10 minutos para formar' e 'Se nos desen 10 minutos, a túa saúde e a miña mellorarían'.

Sueiro lembrou que este conflito en primaria "leva un ano" e nos centros de primaria seguen "saturados, sen tempo" para os seus pacientes e as medidas anunciadas polo Sergas "non serven para nada". "Seguimos igual que hai un ano, con poucas expectativas de que a cousa mellore", manifestou.

"Pensamos que esta loita vai ser longa, imos estar tempo detrás deles para que de verdade empecen a tomar decisións para mellorar a primaria, que é o que queremos", afirmou. En relación á ausencia de diálogo ante a nova convocatoria de folga --a segunda do ano no ámbito autonómico e a terceira na área de Vigo--, Sueiro incidiu en que "a Consellería di que negocia e fala, saca documentos", pero botan "en falta" que "se faga realidade, que se tomen medidas de verdade".

"Non estamos en contra dos documentos e de comités de expertos. Estamos en folga, pero eles (a Administración) levan en folga un ano e teñen as solucións e os diagnósticos, pero non fan nada para polas en marcha. Xa está ben que leven un ano en folga sen pór medidas correctoras", criticou. Por iso, reclaman "que se tomen dunha vez as medidas e implantar na realidade cotiá".

En relación aos dirixentes sanitarios, declinou entrar en "valoracións políticas". "Impórtame pouco quen lidere a sanidade, pero ten que haber un líder que aposte pola Atención Primaria para que sexa sustentable porque se a Atención Primaria cae, cae todo o sistema", aseverou.

IMPRESORAS

En relación á implantación do 99% de medidas que o Sergas asegurou esta semana que se materializaron ou están en marcha en primaria, Sueiro incidiu en que "o único" que notan "no último ano" é que lles "compraron impresoras novas".

"É o único que notamos nas nosas consultas. Traballan moito coa publicidade. A realidade é outra, nas consultas non cambiou nun ano", manifestou. Deste xeito, insistiu en que continúan con "sobrecarga, sen ter tempo para atender aos pacientes". "Estamos nunha situación de crise asistencial, non somos capaces de atender a demanda", sentenciou.

SEGUIMENTO

En concreto, os convocantes apuntaron un seguimento do 83 por cento na área de Vigo; un 65% nas de Ferrol e Pontevedra; un 60% na de Ourense; un 47% na da Coruña; un 35% na de Santiago; e un 33% na de Lugo.

Respecto diso, os convocantes destacaron que, segundo os seus datos, increméntase o seguimento "na Coruña, Ferrol, Pontevedra e Ourense", mantense "en Santiago e Lugo" en cifras similares e descende "en Vigo" entre "cinco e dez puntos" con respecto á de xuño.

Pola súa banda, segundo os datos facilitados pola Consellería de Sanidade nun comunicado, este mércores na quenda de mañá, o paro é secundado nos centros asistenciais de primaria por un 12,7 por cento do total do persoal chamado á folga. Respecto diso, lembrou a Administración que na convocatoria do 19 de xuño o apoio situouse no 21,15%.

Concentración de médicos de Atención Primaria nun centro de saúde de Santiago.
Concentración de médicos de Atención Primaria nun centro de saúde de Santiago. | Fonte: Europa Press

SANIDADE DEFÉNDESE

Por outra banda, o Servizo Galego de Saúde (Sergas) asegura que incrementará o cadro de persoal dos seus centros de saúde en máis de 300 profesionais co Plan de Atención Primaria 2019-2021 que impulsa. En concreto, destaca que na Oferta de Emprego Público 2019 "un total de 254 prazas son de medicina familiar e comunitario".

"Esta medida responde á necesidade de dar unha correcta cobertura sanitaria á poboación no ámbito da Atención Primaria do Sergas, mediante o incremento do número de profesionais dos centros de saúde, de acordo coa súa carteira de servizos", sinalou a Consellería de Sanidade nun comunicado de prensa remitido este mércores, coincidindo coa xornada de folga de médicos e pediatras neste nivel asistencial.

En concreto, Sanidade lembrou que no período de vixencia do plan (2019-2021), o Sergas aumentará en 80 o número de médicos de familia dos centros de saúde e en 20 o de pediatras. "Tamén se incrementará en 130 o persoal de enfermaría deste nivel asistencial, en 40 os fisioterapeutas, en 20 as matronas, en 14 os traballadores sociais e en catro os farmacéuticos", remarcou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

2 Gamela

O Sergas asasino segue facendo propaganda pero teñen toda a razón os médicos de Atención Primaria (e están a xogarse a súa carreira profesional polo ben de todos nós!) Dignidade Atención Primaria https://youtu.be/e85k0DfROJk Mañán ás portas dos centros de saúde deberan estar tódolos usuarios que levan agardando meses por unha proba diagnóstica ! Veríades como se triplicaba a protesta !!! Pero somos demasiado cómodos para apoiar as causas xustas (?)

1 Perican

Non poñedes nada sobre o archivo do caso da hepatitis

1 xurxosalgado

GC informa de todo, non coma outros medios que ocultan clamorosamente as críticas contra a Xunta http://www.galiciaconfidencial.com/...