O Hospital Montecelo, pioneiro en España en tratar con células nai a enfermidade de Crohn

Tratouse cirurxicamente por primeira vez con terapia de células nai a un paciente con esta doenza, afectado dunha fístula perianal complexa.

Por Europa Press / Redacción | Pontevedra | 29/11/2019 | Actualizada ás 17:09

Comparte esta noticia

O Hospital Montecelo do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra tratou cirurxicamente por primeira vez en España con terapia de células nai a un paciente con enfermidade de Crohn afectado dunha fístula perianal complexa.

O Hospital Montecelo trata por primeira vez en España con células nai a un paciente con enfermidade de Crohn.
O Hospital Montecelo trata por primeira vez en España con células nai a un paciente con enfermidade de Crohn. | Fonte: Europa Press

A enfermidade de Crohn afecta a case 1,1 millóns de persoas na Unión Europea, sendo as fístulas perianais unha das súas complicacións máis debilitantes. Calcúlase que por cada 100.000 habitantes en Galicia hai 250 pacientes con enfermidade de Crohn.

Por parte da Xerencia da área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés destacaron o "papel de liderado nacional" que asumen neste campo grazas a un proxecto sanitario e investigador que é froito do "traballo interdisciplinar" desde xuño de 2012, en "coordinación permanente" entre os servizos de Aparello Dixestivo, Cirurxía Xeral e Dixestiva, Farmacia e Radiodiagnóstico, en colaboración coa compañía biofarmacéutica xaponesa Takeda, que asinou un acordo de risco compartido co Ministerio de Sanidade para financiar a aplicación desta terapia celular no Sistema Nacional de Saúde.

O de Pontevedra foi un dos primeiros servizos de España e o único de Galicia autorizado tecnicamente para efectuar desde 2012 os ensaios clínicos ADMIRE CD e ADMIRE CD II.

Deste xeito, de 11 pacientes con esta doenza incluídos de maneira pioneira neses ensaios nesta área sanitaria con células nai, en cinco casos o tratamento foi eficaz, en tres casos foi efectivo parcialmente e o tres pacientes restantes continúan en seguimento de tratamento.

"Son uns resultados esperanzadores para a calidade de vida de certos pacientes con patoloxía intestinal", valoraron os responsables médicos.

As técnicas e probas efectuadas no servizo de Radiodiagnóstico de Pontevedra referendáronse desde o ano 2012 como "porta de entrada para categorizar e seleccionar baixo criterios de inclusión" aos pacientes con fístulas perianais complexas susceptibles de incluírse neste proxecto e beneficiarse destes tratamentos con células nai, subliñaron os responsables deste servizo.

ALTERNATIVA

Por parte do servizo de Cirurxía Xeral e Dixestiva sinalaron que o tratamento cirúrxico con células nai que se efectuou este venres en Montecelo por primeira vez en España "ofrece unha alternativa nova e minimamente invasiva" para a atención de pacientes con fístulas perianais complexas que non responden as terapias "actualmente dispoñibles" e que tiveron ata agora "opcións limitadas de tratamento".

Así mesmo, os responsables deste servizo engadiron que a unidade de coloproctoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra está "altamente cualificada" para realizar as técnicas "máis innovadoras", cun "alto grao" de cirurxía por vía laparoscópica.

Ademais o servizo de Cirurxía Xeral e Dixestiva de Pontevedra tamén colabora noutros proxectos de investigación, feito que lle confire un "alto grao de especialización".

Segundo explicaron durante a presentación deste venres en Montecelo, a participación de Servizo de Farmacia foi "clave" no seguimento do proceso de fabricación e distribución, xa que ao tratarse de terapia celular, o mantemento das condicións de conservación e o tempo de estabilidade das células nai deben estar monitoradas desde a planta de fabricación ata a súa reconstitución na área cirúrxica para a implantación no paciente concreto.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Esther

Esto le hace muy bien a la industria farmacéutica, mis felicitaciones. Las farmacias de turno en La Plata estarán muy pero muy agradecidas. Saludos.