O aberrante 155 dixital

O Goberno Sánchez en funcións, exercendo o máis baixo electoralismo dende a súa absoluta falla de lexitimidade (e moi probábelmente de legalidade), arrumbou calquera criterio legal, ético ou estético para aprobar o 31 de outubro un Decreto-Lei que ven de ser agora ratificado pola Deputación Permanente do Congreso estatal disolto.

Por X.A. Pérez-Lema | A Coruña | 01/12/2019

Comparte esta noticia
Votaron a prol os deputados do tripartito do 155 (PSOE, PP e Cs) e abstivéronse os de UP, amosando outravolta que o máis semellante a un español de dereitas é un español de esquerdas.
 
Das resultas deste aberrante iter o Goberno do Estado poderá  pechar ou intervir de vez, sen falta ningunha de autorización xudicial, calquera rede de comunicacións dixital por etéreas razóns baseadas en tres conceptos xurídicos indeterminados: a seguranza pública, a orde pública e a seguranza cidadá, o que de feito amplía ad infinitum as posíbeis causas de peche ou intervención do Executivo estatal e deixa o Estado español nos níveis de liberdade dixital da República Popular de China.
 
Pedro Sánchez propuxo esta aberración para lle amosar á cidadanía que era quen de se pór ao nível do PP ou Cs canto a medidas excepcionais contra as demostracións cidadás do movemento soberanista catalán. Así e todo, as medidas implementadas, como adoita pasar con todas as lexislacións excepcionais, poderán ser usadas hoxe en Catalunya, mañá en Galicia ou Euskadi e pasado mañá en Madrid ou Valencia. 
 
O Decreto-Lei aprobado vulnera abertamente o artigo 86 da Constitución (CE), que regula esta caste de lexislación. Primeiro porque non existía motivo ningún de extraordinaria e urxente necesidade, esixida no devandito artigo para aprobar esta caste de instrumentos. Segundo por incidir na regulación ds dereitos e liberdades constitucionais (e non só nas liberdades públicas como as liberdade de expresión e manifestación), prohibida no propio artigo 86 CE. E terceiro por atinxir o contido esencial da liberdade de expresión do artigo 20 CE e, relacionadamente, de libre manifestación cívica do artigo 21.2 CE, vulnerando a prohibición do artigo 53.1 que reserva á lei  a regulación do contido esencial destas liberdades.
 
Porén, non confíen vostedes en que o Tribunal Constitucional partille no futuro estas ideas tan nidias. Porque os seus membros foron elixidos polos políticos do PP (de xeito maioritario) e PSOE, que agora aprobaron canda Cs esta barbaridade. Demostrárono coa sentenza que declarou constitucional o abusivo exercicio por Rajoy (apoiado por Sánchez) do 155 e demóstrano día a día decidindo como deciden os árbitros de fútbol caseiros.

Creando unha web mediante Wordpress usando un ordenador portátil
Creando unha web mediante Wordpress usando un ordenador portátil
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xoán Antón Pérez Lema Licenciado en Dereito e graduado en Administración de Empresas. Leva exercendo a avogacía máis de vinte anos e dirixe o seu propio despacho n’A Coruña, con nomeada adicación ao Dereito Administrativo e Mercantil . Foi profesor da Escola de Práctica Xurídica do Colexio de Avogados coruñés e da Facultade de Ciencias Sociais da Universidade de Vigio. Arestora imparte a docencia no primeiro programa de asesoría xurídica de empresa que se desenvolve en Galicia, no Instituto de Finanzas e Formación Empresarial (IFFE).Publicou varios traballos sobre temática xurídica. Foi xefe de gabinete do Conselleiro da Presidencia Pablo González Mariñas, sendo Presidente Fernando González Laxe e secretario xeral de Relacións Institucionais na Vicepresidencia da Xunta ás ordes de Anxo Quintana (2007-2009). Fpoi asesor xurídico do Consello da Xuventude de Galicia (1991-1997) e tivo unha intensa actividade na defensa penal de obxectores e insumisos até que se acadou a supresión do servizo militar obrigatorio. Colaborador da Radio Galega e da TVG e de varios xornais, revistas e emisoras de Radio e TV galegas.