Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/12/2019 | Actualizada ás 14:53
O Concello de Santiago seleccionará antes de que conclúa o mes de decembro o proxecto para a remodelación da rúa Clara Campoamor, que definirá os accesos á estación intermodal. O goberno local prevé que os traballos se inicien a comezos de xaneiro.
Así o indicou o rexedor santiagués, Xosé Sánchez Bugallo, na rolda de prensa posterior á xunta de goberno local que nomeou o comité de expertos que avaliará as once propostas finalistas para o proxecto de reurbanización do viario que une o barrio de Sar con Pontepedriña.
Bugallo manifestou que a construción da estación de autobuses "vai adiantada aos prazos previstos" e que os traballos da pasarela que conectará as terminais e a rúa do Hórreo "van en prazo", polo que confía en que "se cumpra o obxectivo" de concluír as obras no mes de agosto de 2020.
Con todo, matizou que, para pór en marcha a estación intermodal, han de concluírse as tres obras --pasarela, terminal de autobuses e accesos--. "Son tres contratos e tres obras, e hai que terminar cada unha", comentou.
RELACIÓNS COA XUNTA
Cuestionado sobre as declaracións da conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, nunha entrevista na Cadena Ser na que asegurou que tras a chegada do PSOE ao goberno local "se desbloqueron" as actuacións na cidade, Bugallo agradeceu o xesto da mandataria da Xunta e apelou á "colaboración institucional" como vía "prioritaria" para o seu goberno.
"Aquí (en Santiago) sempre priorizamos a colaboración institucional á confrotanción institucional. Todo o que hai en Santiago é grazas á colaboración institucional, da confrotación non saíu nada", aseverou o rexedor socialista, que subliñou que o seu "obxectivo non é desgastar" ao presidente galego, Alberto Núñez Feijóo. "Non podo usar a cidade para conseguir ese obxectivo", apostilou.
"SUBMISIÓN"
O portavoz de Compostela Aberta, Martiño Noriega, referiuse este luns ás declaracións da conselleira Ethel Vázquez, nas que aseguraba que as relacións co novo goberno son máis cordiais e que o proxecto da intermodal vai en tempo e forma.
Respecto diso, nunha rolda de prensa celebrada minutos antes de que Bugallo comparecese ante os medios, o exrexedor reprochou que estas afirmacións "con datos obxectivos non se sustenta", e lembrou que as decisións do executivo de Bugallo sobre a modificación do proxecto dos accesos á intermodal, unicamente para cambiar a localización dun carril bici, obrigarán a atrasar "durante meses" a licitación e a execución da obra.
"Non me dan os prazos", calculou o exalcalde de Santiago, quen considerou que a "colaboración institucional" e o "diálogo" do que fala Vázquez se asemella máis á "submisión" da cidade ante a Xunta. Noriega defendeu que se manteña unha "colaboración permanente" co Goberno galego, pero que "hai que esixir cando hai que esixir" e "dicir as cousas cando non está a funcionar". "E aí vexo unha posición de submisión", reiterou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.