Por Galicia Confidencial | Compostela | 04/12/2019 | Actualizada ás 14:31
Os independentistas de Esquerra Republicana (ERC) e EH Bildu xa avanzaron que, fieis ao seu costume, non acudirán á rolda de consultas que abrirá o Rei español con vistas á sesión de investidura, e tampouco o fará as CUP. Os tres son asinantes, xunto co BNG, da Declaración de Lotja de Mar, a favor da liberdade dos presos políticos cataláns e da autodeterminación.
Precisamente, o BNG si que acudirá a este encontro co monarca español. De feito, noutras ocasións que estivo no Congreso tamén acudiu á cita, primeiro sendo Francisco Rodríguez o portavoz do grupo en Madrid e, logo, Francisco Jorquera. Tamén en Marea o fixo cando entrou no Congreso, ao igual que o fará Galicia en Común.
A reelixida presidenta do Congreso, Meritxell Batet, acudiu este mércores ao Palacio da Zarzuela para dar conta ao Xefe do Estado da sesión constitutiva da nova Cámara xurdida das eleccións xerais do pasado 10 de novembro e para entregarlle a lista cos 19 partidos políticos que participarán nas consultas.
Nesa lista, por tanto, non aparecen nin ERC, nin Bildu, que veñen 'plantando' a Felipe VI na rolda de audiencias que realiza cos representantes políticos para constar se pode ou non propor un candidato á Presidencia do Goberno, pero tampouco a CUP.
Nas últimas roldas de consultas do Xefe do Estado, ERC xustificou a súa decisión de non ir en que o seu partido non recoñece a Felipe VI como interlocutor e como protesta contra o discurso que este pronunciou o 3 de outubro de 2017, dous días despois do referendo ilegal do 1-O.
Na mesma liña, Bildu sostén que non acode ás reunións co Rei porque non son "súbditos" dunha Monarquía que, segundo din, representa o "maior símbolo do carácter antidemocrático do Estado español".
"NON LLE TEMOS QUE DAR CONTA DE NADA"
Do seu lado, a portavoz das CUP, Mireia Vehí, explicou este mércores en rolda de prensa no Congreso que non participará na rolda de consultas con Felipe VI porque o seu partido non recoñece á Monarquía como unha institución democrática e porque non teñen que dar conta política de "nada" ao Xefe do Estado. Quen si acudirá á cita co Xefe do Estado será a coalición Junts per Catalunya. En xuño xa participou a súa portavoz parlamentaria, Laura Borràs.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.