Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/12/2019 | Actualizada ás 13:51
O Servizo de Xinecoloxía do Hospital de Verín atendeu esta madrugada un parto de urxencia nas súas instalacións, aínda que o pequeno foi trasladado ao CHUO pouco despois de nacer.
Ao redor das 4 da madrugada chegou unha parturEnta e o xinecólogo de garda considerou que" non era procedente" o seu traslado ao CHUO, "polo risco que levaba para a muller a posibilidade de parir polo camiño", explicou a Europa Press unha das matronas presentes no momento.
Por este motivo decidiuse atender o parto en Verín e, dado que no hospital comarcal a día de hoxe non contan con pediatra de garda, os profesionais solicitaron ao centro de referencia que enviasen un pediatra desde Ourense. Finalmente, o pediatra trasladouse ata Verín e "en canto naceu o bebé levoullo en ambulancia para Ourense", sinalou a matrona.
O pediatra non lles deu ningunha explicación de por que levaba a un bebé que "naceu perfectamente, con moi boa vitalidade e sen ningunha xustificación clínica para o traslado", criticou a matrona.
É máis, os profesionais do servizo de Xinecoloxía de Verín aseguraron proporlle ao pediatra "deixar xuntos a nai e fillo", seguindo a liña das recomendacións de "todas as guías nacionais e internacionais de calidade de coidados".
"A pediatra fixo caso omiso e levou ao neno", explicou a matrona. A nai foi trasladada a Ourense dúas horas e media porque "as dúas primeiras horas despois do parto hai que observala directamente ante a posibilidade de sangrados e hemorraxias postparto".
A matrona sinalou que "non existe ningún tipo de evidencia que avale este tipo comportamentos" que poden producir consecuencias para ambos "no período de lactación, o apego e ao longo da súa vida".
Trátase dunha situación á que, segundo explicou, chégase por "non facer as cousas do modo correcto e unha mala xestión dos recursos". "Sabiamos que estas cousas ían pasar e van seguir pasando e os únicos prexudicados son os pacientes, esa nai e a súa recentemente nado", explicou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.