O xulgado obriga o Sergas a pagar as gardas dunha traballadora durante a baixa de maternidade

Estas remuneracións non lle foran entregadas polos catro períodos de baixa que adquiriu entre o 2015 e o 2017.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/12/2019 | Actualizada ás 19:09

Comparte esta noticia

O Servizo Galego de Saúde (Sergas) está obrigado a pagar as xornadas de garda dunha das súas traballadoras, que non lle foron remuneradas durante a súa baixa de embarazo, maternidade e lactación.

Así o considerou o xulgado número 4 do Contencioso Administrativo da Coruña, que recoñeceu o dereito desta facultativa a percibir o prorrateo das gardas correspondentes ás baixas que sufriu a consecuencia do seu embarazo.

A Confederación Estatal de Sindicatos Médicos (CESM) explicou este venres nun comunicado que os feitos se remontan ao 18 de xaneiro de 2018, cando a profesional solicitou esta remuneración polos catro períodos de baixa que adquiriu entre o 29 de setembro de 2015 e o 1 de febreiro de 2017.

Naquel momento, o xerente da EOXI da Coruña denegou a solicitude, polo que a afectada interpuxo un recurso que non foi contemplado, senón "desestimado por silencio administrativo". O seguinte paso foi interpor unha demanda contra o Sergas.

No xulgado defendeuse a postura da traballadora en base ao acordo de 1995 entre o Sindicato Médico e a Consellería de Sanidade, que derivou nunha lei de 2017 que, como medida de protección á maternidade, garante a percepción de todas as retribucións básicas, complementarias fixas e a media das variables durante estes períodos.

Ademais, tamén se argumentou que as gardas médicas constitúen unha parte da xornada normal que han de realizar os funcionarios médicos e por este motivo non pode contemplarse como unha "gratificación", senón como unha "retribución ordinaria complementaria".

Por último, a defensa tamén asegura que ningún dos síntomas dun embarazo poden "cualificarse como enfermidade común, como esgrimiu o Sergas para denegar o abono do prorrateo das gardas durante esas baixas".

Centro de Saúde do Sergas. REMITIDA
Centro de Saúde do Sergas. REMITIDA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta